sábado, 23 de xaneiro de 2010

Introdución: Anotación dos xogos.



A anotación dos xogos nos torneos é de uso obrigatorio. Son varios os motivos que poñen de manifesto a súa utilidade. Permite controlar determinadas situacións como as das triplas repeticións de movementos ou as das contas na regra dos vinte lances ou mesmo na "Forzoza", pero tamén serve para poder publicar as partidas con posterioridade e así proporcionar un valioso material aos afeccionados que poden utilizar para o seu estudo ou simplemente para deleitarse coa súa contemplación.

SISTEMA NÚMERICO ESPAÑOL DE NOTACIÓN.

Cada casiña ten un número do "1" ao "32". Á casiña marrón da primeira fila na dereita do dameiro correspóndelle o número "1". Á casiña marrón situada a súa esquerda correspóndelle o "2". Continuando así, sempre de esquerda a dereita e de primeira a oitava fila, para terminar na casiña situada na esquina da dereita do noso adversario co número "32".
Cada xogada anótase con dous números separados por un guión. O primeiro indica que movemos a ficha situada na casiña con ese número. O segundo infórmanos da casiña á que se despraza esa ficha. Cando hai unha captura adoitase substituir o guión por o signo "x".
En raras ocasións cando hai unha captura múltiple, se é preciso, hai que engadir algún número máis segundo as casiñas que se van saltando.

Para anotar posicións indícanse os números das casiñas en que cada bando ten situadas as súas fichas, diferenciando os peóns das damas porque estas escríbense entre paréntese.

DIAGRAMAS

Para representar as posicións adóitanse usar diagramas. Nos diagramas, por convención e para evitar confusións, sempre se considera que as pezas brancas pertencen ao bando que comeza o xogo na parte inferior do taboleiro.

SÍMBOLOS E ABREVIATURAS

[!] Xogada boa.

[!!] Xogada excepcional.

[?] Despois de representar unha xogada cos seus respectivos números indica que é mala. Nunha análise tamén se pode usar en vez dun número (antes ou despois do guión) para indicar que unha dama move a calquera das casas posibles e logo para indicar a suposta casa de saída da devandita dama.

[??] Error grave.

[*] Xogada única.

[1:0] Resultado final dun xogo que gañan as brancas.

[0:1] Resultado final dun xogo que gañan as negras.

[1/2] Resultado final dun xogo que termina en empate.

[G.B.] Gañan as brancas.

[G.N.] Gañan as negras.

[ EMP.] Empate.
[Vs.] Versus, contra. (Colócase entre o nome do xogador que leva as brancas e o do que conduce as negras).
[Cto.] Campionato.
[R.I.D.] Revista Internacional de Damas.

[E.D.] Revista Enciclopedia Damista.

[T.E.D.] Tratado da Enciclopedia Damista.

[O.A.L.] Orlando Augusto Lopes (Inventor da nomenclatura das aperturas en damas clásicas).


EXEMPLO DE ANOTACIÓN DUN XOGO

L. Ellis vs. P. Whalen

Cto. de Estados Unidos, Chicago, 1929

(Apertura sorteada: 1.09-13, 22-19)

1.09-13, 22-19; 2.13-17, 21-18; 3.05-09??, 18-14; 4.11x18, 26-21; 5.17x26, 30x05; 6.01x10, 19-14; 7.12x19, 23x05; [0:1]
Xogo pertencente ao Campionato dos Estados Unidos disputado na cidade de Chicago no ano 1929. O xogador L.Ellis levaba as brancas e o seu contrincante era P. Whalen que conducía as pezas negras. Realizaron sete xogadas cada un pero como o torneo celebrábase con apertura sorteada a dous lances, tiveron que abrir obrigatoriamente o xogo cos dous movementos que deparou o sorteo: As brancas moveron o peón do cadro "9" para o cadro "13" e as negras fixeron o propio co peón que ocupa a casiña "22" para o cadro "19". A partir de aquí escolleron as xogadas que eles consideraron máis axeitadas. Así a terceira xogada do branco (indicada cun 3) foi colocar o peón da casa "5" no cadro "9" que resultou fatal. As brancas cometen un grave erro que lles vai ocasionar a derrota, por isto a xogada está acompañada de dúas interrogacións. As negras aproveitan o erro cunha boa continuación que podería levar unha admiración, pero o comentarista non o considera oportuno pois hoxe non sorprende a ninguén. O desenlace xa se coñecía desde hai máis de 300 anos, o golpe pertence ao cordobés Pedro Ruíz Montero e publicouno no seu libro de 1591. A xogada cuarta do branco é unha captura por isto está separada polo símbolo "x". Xa por último, cabe indicar que despois da captura múltiple executada polo negro na xogada sete, as brancas depuxeron as armas, indicándose isto co [0:1].
EXEMPLO DE ANOTACIÓN DUNHA POSICIÓN

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

A esta posición chegouse no xogo Miloud_29 vs. Roukhou disputado "on-line" na LUDOTEKA en xullo de 2008. Anotaríase así:

Brancas: 2, 8, 16, (30), (31).

Negras: (3), 7, 24, 25.


O desenlace aconteceu do xeito seguinte: 1.31-18, 07-04; 2.*16-20, 04x21; [obrigado pola lei da calidade] 3.30x17, 24x15; 4.02-06, 03x10; 5.17x24, [1:0]

Nótese que a segunda xogada do branco leva un asterisco porque para o comentarista é a única que nese momento gaña o xogo.

Ningún comentario: