sábado, 3 de xullo de 2010

A manobra de Timoneda.

O pasado 28 de abril do ano en curso e dentro dos actos que tiveron lugar co gallo da Feira do Libro de Valencia, presentouse o último traballo do prestixioso xornalista e historiador José Antonio Garzón. Trátase dun estudo editado pola UNED que leva por título «Luces sobre el ‘Ingenio’, el pionero libro del juego llamado marro de punta, de Juan de Timoneda». Nesta publicación parece ser que se achegan as probas fundamentais que demostran que o xogo de damas foi inventado en terras levantinas a finais do século XV. Igualmente Garzón confirma a hipótese do seu amigo, o damista e tamén historiador Govert Westerveld, acreditando documentalmente que Juan de Timoneda (1520?-1583) publicou en Valencia no ano 1547 o primeiro libro de damas do que se ten constancia en todo o mundo.

RETRATO DE TIMONEDA

Baseándose en tres manuscritos inéditos, Garzón tenta desmontar a estendida crenza de que ese antiquísimo libro pertence ao literato leonés Antonio de Torquemada (1507?-1569). De estar no certo, emendaría un posible erro que se vén arrastrando desde o século XVII.

O contido do "Ingenio" de Timoneda é hoxe coñecido pola maioría dos afeccionados grazas a que se conserva un exemplar dunha edición posterior que se imprimiu en Tolosa en 1635. Inicialmente conformaban a obra 53 lances, pero como se perderon algunhas follas, ata nós só chegaron 49, case todas dunha brillantez e calidade exquisitas.

Como non podía ser doutra forma, o artigo desta semana vai dedicado ao mítico tratadista valenciano. Para iso seleccionamos un dos máis interesantes lances do seu libro no que se efectúa un vistoso troco “tres por tres” de enorme aplicación práctica. Na súa honra, chámase "Manobra de Timoneda" a calquera secuencia de xogadas que conserve a idea temática desta celebérrima tripla permuta.

Juan de Timoneda


XOGAN BRANCAS E GAÑAN

1.07-11, 16x07; 2.14-19, 23x14; 3.11x18, 21x14; 4.04x18 [G.B.]

Como di o autor: "Esta es una de las mejores trechas del juego". Agora nós, imos amosar deseguido algúns xogos inéditos rematados con esta tan fermosa combinación.

*****

O primeiro exemplo está extraído dunha Partida Clásica, cuxo estudo temos pensado publicar en breve neste blog.


XOGAN BRANCAS E GAÑAN

1.10-14, 22-18; 2.12-15, 23-20; 3.07-12 ... [Partida Clásica] 3. ... 20-16; 4.03-07, 28-23; 5.05-10, 31-28; 6.01-05, 21-17; 7.14x21, 25x18; 8.15-20, 24x15; 9.12x19, 23x14; 10.10x19, 27-22; [o mellor era seguir con 28-23 ou 28-24] 11.05-10, 22x15; 12.11x20, 28-23; 13.20x27, 30x23; 14.10-14, 18x11; 15.07x14, 29-25; [perde, as negras están en dificultades aínda que con 15. ... 23-20 podían salvarse] 16.06-11!, 26-21; [ver arriba o diagrama] 17.08-12, 16x07; 18.14-19, 23x14; 19.11x18, 21x14; 20.04x18, 17-13; 21.02-05 [G.B.]

*****

Seguimos cunha posición na que a manobra cambia de escenario. Foi tomada dunha Partida do Río da que tamén xa temos preparado o estudo para publicar.


XOGAN BRANCAS E GAÑAN

1.10-14, 23-19; 2.14x23, 28x19; 3.05-10, 32-28; 4.01-05, 28-23; 5.09-13, 21-18; 6.13-17 ... [variante "Lateral Dereita" da "Partida do Río"] 6. ... 18-14; [a Defensa de Garcez] 7.11x18, 22x13; 8.12-15 ... [Liña recomendada por Sturges no seu libro do ano 1800] 12. ... 19x12; 9.08x15, 13-09; 10.10-14, 27-22; 11.05-10, 22-19; 12.15x22, 26x19; 13.07-11, 30-27; [ver o diagrama de arriba] 14.10-13, 19x10; 15.17-21, 25x18; 16.13x22, 27x18; 17.06x22, 23-19; 18.04-08, 24-20; 19.08-12, 31-28; [aínda que non hai defensa, esta é a máis resistente] 20.22-27, 28-24; 21.12-16, 20-15; 22.11x20, 24x15; 23.27-30, 15-12; 24.30-23, 19-15; 25.23-14, 12-08; 26.14-04, 29-25; 27.16-20, 15-11; 28.04x14, 08-04; 29.14-01 [G.B.]

*****

Para concluír escollemos unha posición que, como a anterior, procede da mesma liña da Partida do Río, aínda que nesta ocasión trócanse os papeis e as que realizan a manobra son as negras.

1.10-14, 23-19; 2.14x23, 28x19; 3.05-10, 32-28; 4.01-05, 28-23; 5.09-13, 21-18; 6.13-17, 18-14; 7.11x18, 22x13; 8.12-15, 19x12; 9.08x15, 23-19; [aquí varían as negras da continuación que amosamos no xogo anterior] 10.15x22, 26x19; 11.07-11, 13-09; 12.10-13, 19-15; 13.11x20, 24x15; 14.05-10, 30-26; 15.03-07, 25-21; 16.04-08 ... [as brancas pretenden atacar o peón avanzado con 17.07-11, pero esta xogada vai ditar a súa derrota. O correcto sería 16.10-14].

POSICIÓN DESPOIS DE 16. 04-08;

Chegados a esta altura xa é tempo de que o lector participe un pouco máis activamente. Imos agardar uns días en amosar o desenlace, namentres, vostede debe tratar de atopar como poden as negras conseguir a vitoria a partir da posición que amosa o diagrama.

Ningún comentario: