sábado, 16 de xaneiro de 2010

Introdución: Regulamento.


REGULAMENTO
O das damas é un xogo que se practica entre dous opoñentes que moven fichas sobre un taboleiro seguindo unhas regras.

1. O TABOLEIRO

1.1. O taboleiro de xogo ou "dameiro" é unha placa lisa de forma cadrada de material non reflectivo que está dividida en 64 cadradiños iguais, denominados casiñas, que son alternativamente brancos e marróns.

1.2. O dameiro colócase entre os dous adversarios deixando unha casiña marrón á dereita de cada un.

1.3. As casiñas de cor marrón que se tocan polos vértices seguindo a mesma liña chámanse diagonais.

1.4. A diagonal máis longa recibe o nome de "río" e as dúas seguintes en lonxitude, configuradas por sete cadros, denomínanse "paralelas".

1.5. As oito liñas de casiñas paralelas ao peito dos xogadores chámanse "filas".

1.6. As casiñas marróns da fila máis próxima a cada xogador forman o que se denomína "base".

2. AS PEZAS

2.1. Ao comezo un xogador ten doce pezas brancas e o outro doce pezas negras.

2.2. Estas pezas chámanse "peóns" e son discos circulares todos do mesmo tamaño e cunha altura inferior ao radio do círculo.

3. DISPOSICIÓN DOS PEÓNS.

Cando comeza o xogo cada contrincante ten os seus peóns colocados nas casiñas marróns das tres filas máis próximas a el. Polo tanto quedan dúas filas baleiras no medio do dameiro.

4. CONDUCIÓN DA PARTIDA.

4.1. Os dous opoñentes deben xogar alternativamente e realizando un movemento de cada vez. O xogador que leva os peóns brancos é o primeiro en mover.

4.2. Os peóns móvense en sentido oblicuo cara a diante. Avanzan unha casiña de cada vez.

4.3. As pezas do adversario poden ser capturadas.
4.3.1. Para poder capturar é preciso atoparse diante dunha peza contraria que ten detrás unha casiña libre.
4.3.2. Cando un peón se encontra en disposición de capturar ten que saltar por riba da peza contraria e instalarse na casa baleira situada inmediatamente detrás da peza capturada.
4.3.3 Cando despois dunha captura queda creada a posibilidade de capturar de novo, hai que seguir facéndoo. Isto chámase captura múltiple e forma parte da mesma xogada.
4.3.4. As pezas capturadas retíranse do taboleiro unha vez completada a xogada.

4.4. Os peóns que chegan á base do adversario, sexa en movemento normal ou ben despois dunha captura, transfórmanse en "dama". Con esta transformación termina a xogada pasando a vez ao contrario, que antes de efectuar o seu propio movemento debe cubrir a ficha que alcanzou a súa primeira fila con outra da mesma cor.

4.5. A partir do momento en que un peón vai a dama pode moverse oblicuamente cara atrás e cara adiante polas casiñas baleiras que se queira.
4.5.1. Unha dama pode capturar todas as pezas contrarias que se encontren na súa traxectoria, sempre que cada peza teña unha casiña libre inmediatamente detrás.
4.5.2. Despois de cada salto, a dama pode ocupar calquera das casiñas baleiras que queden detrás da peza capturada e tamén pode mudar de diagonal para realizar novas capturas.
4.5.3. A dama non pode saltar dúas veces sobre a mesma peza.
5. AS CAPTURAS.
5.1 Capturar é obigatorio.
5.2 Tamén é obrigatorio xogar do modo que se fagan máis capturas (LEI DA CANTIDADE).
5.3. Cando hai varias posibilidades, e en todas o número de capturas é o mesmo, é obrigatorio mover da forma que se capturen máis damas (LEI DA CALIDADE).
5.4. Se despois de aplicar as normas anteriores aínda persisten varias posibilidades, pódese capturar como máis conveña.
6. EXECUCIÓN DAS XOGADAS.
6.1. Avisando previamente ao adversario, un xogador pode axustar as súas pezas.
6.2. Se un xogador toca unha peza está obrigado a movela.
7. TEMPO DE REFLEXIÓN.
7.1. O tempo de reflexión contrólase cun reloxo especial.
7.2. Cada xogador dispón dun tempo estipulado para toda a partida. De non haber desenlace, perde o xogador que primeiro sobrepasa o tempo marcado.
8. DO XOGO GAÑADO.
8.1. Gaña o xogo o contrincante que consegue capturar todas as pezas do adversario, ou o que llas consegue bloquear imposibilitándoo de mover.
8.2. Tamén se gaña cando o adversario abandona ou se nega a cumprir o regulamento.
9. DO XOGO EMPATADO.
9.1. Un xogo queda empatado cando despois de vinte xogadas sen moverse ningún peón nin facer ningunha captura un xogador o reclama.
9.2. Cando se produce a posición coñecida como a "Forzosa" (Tres damas con dominio do Río contra unha dama) o bando forte debe capturar a dama rival nun máximo de doce xogadas. En caso contrario o xogo queda declarado como empate se o reclama o rival.
9.3. Cando aparece a mesma posición tres veces no taboleiro e un dos xogadores reclama.
9.4. Tamén é empate se ambos os dous xogadores así o acordan.
10. ANOTACIÓN DOS XOGOS.
10.1. É obrigatorio anotar as xogadas.
10.2. Débese empregar o sistema númerico español.

Ningún comentario: