O mestre portugués Vítor Cunha dixo en certa ocasión que na súa etapa de aprendiz o que máis lle impresionaba era ver saltar un peón por riba de tres e facer dama. Sempre quedaba perplexo con aquela marabilla.
Como o título deste blog coincide co desta sempre fermosa manobra non poderiamos comezar de mellor xeito que publicando un xogo que remata coa súa aplicación práctica.
O acontecemento tivo lugar no último Torneo do Estado de Missouri que se celebrou na Biblioteca "East Hills" de St. Joseph os días 18 e 19 de abril de 2009. A principal atracción era o campión mundial de damas angloamericanas, Alex Moiseyev, que como era de esperar non defraudou e adxudicouse o primeiro posto; con todo nun dos xogos que sostivo co segundo clasificado foi vítima da manobra que hoxe queremos amosar.
Alex Moiseyev vs. Bill Wethington
Torneo de Missouri, 2009
1.10-13 ...
As brancas ocupan o cadro 13, coñecido como "casiña crítica", un apelativo que tamén se aplica para denominar á apertura. A xogada é bastante razoable porque mantén intacta a estrutura do flanco esquerdo, recoñecido como máis débil, pero é inferior a 1.10-14 porque as brancas abandonan o centro.
1. ... 23-20;
Seguindo a máis estrita ortodoxia a mellor continuación é 1. ... 23-19; movendo desde o flanco de río cara ao centro. Igualmente popular é 1. ... 21-18 que impide o ataque á "casa dique" con 2.13-18.
2.06-10 ...
Neste caso era preferible 2.13-18 para traspor á Partida do Dique, pero este torneo xógase coa restrición americana, onde os tres primeiros lances saen por sorteo.
2. ... 21-17;
Aquí o habitual é seguir con 2. ... 20-15 ocupando a casa dique negra.
3.02-06 ...
Para apoiar o cambio en 18.
3. ... 25-21;
Era preferible 3. ... 20-15. Agora as brancas toman a iniciativa.
4.13-18, 21x14; 5.11x18, 22x13; 6.09x18, 28-23; 7.07-11, 20-16; 8.04-07 ...
Ben xogado, as brancas conservan unha lixeira vantaxe. Outra boa continuación era 8.12-15.
8. ... 23-19; 9.11-14, 27-23;
Se 9. ... 26-22; 10.14x23, agora débese seguir con 10. ... 27x20!; 11.18x27, 31x22; 12.10-13, 17x10; 13.05x14, 32-28; 14.14-19, 22x15; 15.12x19, 29-26 para empate.
10.06-11, 32-28?;
Máis acertado sería 10. ... 30-27; 11.12-15, 19x12; 12.08x15, 26-22; 13.18-21, 29-26; 14.21x30, 22-19; 15.15x22, 27x18; 16.14x21, 31-28 con xogo nivelado.
11.11-15 ?? ... [VER DIAGRAMA]
Perde. A xogada correcta era 11.12-15 que deixa ás brancas nunha excelente posición. Despois da continuación da partida, na modalidade clásica as negras dispoñen da xogada 11. ... 23-20 que pode servir para gañar o xogo tras final laborioso; pero o veterano Wethington aplicou outra elegante continuación (válida en ambas as dúas modalidades) que permite alcanzar a vitoria de xeito máis fulminante.
11. ... 26-21!; 12.15x22, 30-27; 13.18x25 ...
E velaquí temos o "tres e dama". Tres saltos e a coroación en dama.
13. ... 27x04 [0:1]
Despois disto, a Alex non lle quedou máis alternativa que renderse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario