A gran maioría do que eu aprendín sobre o noso xogo estudeino na "Enciclopedia Damista", unha sensacional revista portuguesa que baixo a dirección do Dr. Cándido Sena Carneiro fixo as delicias dos afeccionados e axudou a divulgar a modalidade durante os 50 anos en que se publicou. Cando o doutor nos deixou en febreiro do 2005 as damas clásicas quedaron orfas sen un dos seus principais valedores. Con todo, un non perdeu de todo a ilusión nin o contacto co panorama damista grazas á Internet e a blogs como os de Lusodama, Delio Nunes ou Armindo Gaspar. Tamén a Federación Portuguesa comezou a editar os xogos dalgúns campionatos e matches e pódese xogar, observar partidas e ata charlar con algúns dos mellores xogadores na Ludoteka.
A falta de colaboración fixo rematar coas páxinas de Lusodama, a Federación Portuguesa non publicou os xogos do Campionato do 2009 e mantén inoperativos os arquivos dos anos anteriores, e algúns dos grandes mestres xa non aparecen tanto pola Ludoteka. Esperemos que non haxa máis contratempos, mentres tanto, desde este blog tentamos poñer o noso graniño de area. Volvendo á Enciclopedia Damista lembro con especial cariño a revista de xaneiro do 2002, nese número incluíanse dous problemas da miña autoría. Foi unha casualidade que se debeu a unha curiosa iniciativa de promoción coa que o informático e extraordinario problemista Eduardo Valente regalaba o programa "Arca" (unha base de datos para almacenar problemas) a todos os subscritores que enviasen para publicación dúas producións inéditas. Foi así, como alí, na portada da revista Nº 448 apareceron aqueles diagramas co meu nome rotulado en maiúsculas na parte superior. Eduardo Valente, a quen desde aquí agradezo, envioume unha carta na que amais do programa "Arca" incluía unha fermosa felicitación pola calidade dos traballos e incluso publicou na revista un artigo dedicado a un deles. Mais eu, se teño que escoller, quedo co outro, co que saíu como produción nº 5078 que a continuación reproduzo.
Henrique Guerra (2002)
XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN
O motivo da miña predilección está en que con el conseguín enganar ao Dr. Sena Carneiro, experto solucionista, gañador de diversos concursos e encargado da sección. No número de febreiro no que viñan as solucións podo comprobar que o problema aparece como "demolido". O Dr. Sena que parece ser tiña o costume de tentar resolver os problemas antes de ver o desenlace ideado polo autor, nesta ocasión caeu na trampa que o levou a publicar o seguinte: DEMOLICIÓN: 1. 06-02, 11x20; 2.24x06, 08x15; 3.**06x20, 09-13 (a mellor); 4.02-05, 13-17 (por exemplo); 5.05x23, 17x30; 6.20-16, 30x20; 7.16x(?) G.B.
Aproveito pois hoxe para propoñer aos lectores, dúas tarefas. A primeira que intenten resolver o problema e a segunda que fagan o propio buscando o fallo da inexistente demolición. Neste último caso as negras dispoñen de dous plans para conseguir o empate.
Ningún comentario:
Publicar un comentario