sábado, 12 de febreiro de 2011

O Golpe de Brooklin.

John Drummond (1806-1881) foi un home de aspecto forte e corpulento que traballaba na construción como especialista no recubrimento de tellados. Nunca desaproveitou os momentos que a profesión lle permitía para dedicarllos a súa gran paixón, o xogo de damas. Gañou numerosos campionatos e matches converténdose nun dos máis famosos xogadores escoceses do século XIX. Din que anotaba todos cantos xogos presenciaba e que sempre levaba os petos cheos de apuntamentos e notas. A pesar dos notables éxitos que conseguiu durante a súa carreira, nunca puido alcanzar o nivel que despregaron os seus coetáneos Anderson e Wyllie, mais a súa fama non foi menor. Grazas á elaboración dun fino tratado no que publicou importantes innovacións e modernas ideas nos sistemas de aperturas, o seu nome está escrito con letras de ouro na historia do noso xogo.


John Drummond
[Retrato publicado no seu libro "Scottish Draughts Player"]

A preciosa combinación á que lle imos dedicar o artigo desta semana foi presentada por primeira vez no célebre libro de Drummond «Scottish Draughts Player». Mais non na primeira edición publicada no 1838, senón na segunda, que viu a luz no ano 1851. O xogo no que se executou, non hai moito xa saíu nos blogs «Jeu Dame» e «Pe de Galo». Tivo este desenvolvemento:

«A manobra orixinal»
Recompilada por John Drummond.
«Partida do Río».

1.10-14, 23-19; 2.14x23, 28x19; 3.12-16, 32-28; 4.09-13 ...

«Variante Bilateral» na que é preferible alternar os lances terceiro e cuarto, pois tal como aquí se xogou é ben contestada con 3. ... 22-18;

4. ... 19-15

A variante do cambio, durante anos considerada como mala, pero que actualmente ten os seus adeptos.

5.11x20, 24x15; 6.13-17, 22-19; 7.07-11, 28-24; 8.11x20, 24x15; 9.04-07 ...

Nesta altura é máis popular seguir co famoso ataque de Ross 9.03-07, que modernamente pode recibir o seguinte tratamento 9. ... 26-22; 10.17x26, 30x21; 11.07-12, 21-18; [Aínda que foi considerada como perdedora na «Enciclopedia Damista» hoxe sábese que é unha boa continuación] 12.04-07, 25-21; 13.05-10 ... [A intuitiva 13.07-11 perde con 19-14; 14.12x26, 29x22; 15.11-15, 14-11; G.N.] 13. ... 18-14; 14.06-11, 14x05; 15.11x20, 22-18; 16.01x10, 18-14; 17.02-05, 21-18; 18.20-24, 27-23; 19.12-15, 19x03; 20.10x28 con xogo nivelado.

9. ... 27-22; 10.16-20, 30-27; 11.05-10, 21-18; 12.01-05, 25-21; 13.05-09, 18-14; 14.02-05, 22-18!; 15.10-13, 27-23; 16.20x27 ...

Había que xogar 16.13x22, 23x16; 17.06-11, 15x06; 18.03x10, 16-12!; 19.07x16, 14-11; 20.16-20 e as brancas empataban.

16. ... 31x22

Agora as negras teñen xa unha gran vantaxe.

17.06-11, 15x06; 18.03x10 ...

A simple vista o plan branco semella impecable. Neste momento non valería 18. ... 29-25; por 19.08-12 e gañan, pero é agora cando salta a sorpresa ...

 

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

18. ... 19-15; 19.10x19, 15-11; 20.07x14, 22x15; 21.13x22, 26x01; 22.17x26, 29x22 G.N.

Un extraordinario remate que como puidemos apreciar consiste en sacrificar un peón para logo continuar cunha troca con «finta» seguida dun «salto triplo».

 * * * * * * * * * *

Esta mesma manobra pódese ver no célebre «Golpe de Wyllie» que xa expuxemos neste blog cando presentamos o estudo da «Partida Heroica» e que agora tamén relembramos.


«O Calote de Wyllie»
"Partida Heroica"


1.10-14, 24-20; 2.12-16, 28-24

Como ben sabe o lector, queda así configurada a que OAL [o Dr. Orlando Augusto Lopes] denominou como "Partida Heroica".

3.05-10, 20-15

Esta e a continuación primitiva, coa que as negras tentan desafogar o xogo despois do cambio.

4.11x20, 24x15; 5.07-11, 23-20; 6.16x23, 27x20 7.14-19, 21-17; 8. 03-07, 32-28

Todo isto é moi coñecido e xogase en infinidade de ocasións.

9.01-05 ...

O noso estudo publicado en abril do ano pasado continuaba con 9.19-23.

9. ... 25-21; 10.10-14, 31-27; 11.07-12 ...

Parece forte, pero esta é a xogada coa que as brancas caen no golpe. Correcto era 11.14-18 con xogo igualado. Porén 11.05-10, perde tamén despois de 11. ... 27-23.

Willie Ryan no seu célebre «Trips, Traps and Shots» bautizou este golpe como o «Calote de Wyllie» pois con el, o célebre campión escocés "enganou" a numerosos afeccionados en xogos de exhibición.


XOGAN NEGRAS E GAÑAN

O desenlace é o seguinte:

11. ... 21-18 [!!]

O golpe comeza cun sacrificio de peón.

12.14x21, 17-13

Segue unha troca que orixina unha "finta" (termo utilizado polos problemistas cando tendo dúas opcións de captura escollemos a que máis nos convén).

13.09x18, 26x17

Completamos a "finta".

14.19x26, 30x07

E un salto triplo.

15.04x11, 27-23; 16.12x19, 23x07 G.N.

* * * * * * * * * *

A fermosa manobra que hoxe estamos a estudar foi innumerables veces utilizada polo magnífico campión americano Robert Yates. Din que foron os seus compañeiros de club os que a bautizaron como a «Manobra de Brooklin» en honor ao seu idolatrado mestre que era oriúndo deste famoso distrito de Nova York, pero o caso é que o primeiro autor en empregar este nome nunha publicación foi o xogador John J. Denvir.


Dr. Robert T. Yates
[Debuxo publicado na "Draughts Player Weekly Magazine"]


Robert Yates [1857-1885] proclamouse campión do mundo con 18 anos [na modalidade angloamericana] ao bater a James Wyllie por 2-1 nun emocionante match que se decidiu no xogo 50, o último da serie, que acabou gañando o neoiorquino tras pasar por unha perdedora. Posteriormente defendeu o título contra o inglés Robert Martins e despois de vencer nun curto enfrontamento ao campión de América, William R. Barker, retirouse para cursar estudos de medicina. Traballou dous anos nun hospital e logo enrolouse no vapor Sheidam como médico de abordo. Aos poucos días de iniciarse a súa primeira viaxe morreu mar a fóra a consecuencia dunha febre tifoide. Tiña tan só 28 anos.

De todos eses xogos nos que Yates empregou o "Golpe de Brooklin" consérvase este que ofrecemos a continuación:

Ilsley vs. Robert Yates
Nova York, 1876

1.10-14, 23-19

Unha vez máis a famosa «Partida do Río».

2.14x23, 28x19; 3.05-10, 32-28; 4.01-05, 21-17; 5.12-15 ...

Na «Enciclopedia Damista», no tomo de golpes, trae 5.11-14, 28-23; 6.12-15, 19x12; 7.08x15, 23-20; pero a que nós ofrecemos é a orde real, tal como se publicou en «R.D. Yates Checker Player» de Timothy Call, un libro de 1905 a cuxa versión on-line pódese acceder desde este blog.

5. ... 19x12; 6.08x15, 28-23; 7.11-14, 23-20

Agora o xogo segue como na «Enciclopedia Damista», onde curiosamente trae trocada a data, pois di que se xogou no 1857 e isto sería imposible pois ese foi o ano no que naceu o protagonista.

8.07-11, 25-21; 9.14-19, 20-16; 10.10-14 ...

Compromete o xogo. Correcto era 10.03-07.

10. ... 16-12; 11.04-08 ...

As brancas estaban mal, pero con esta xogada caen no golpe. [Ver o diagrama].


XOGAN NEGRAS E GAÑAN

11. ... 12-07

Esta xogada non é necesaria en damas clásicas. Na nosa modalidade xa se pode seguir directamente con 11. ... 21-18.

12.03x12, 21-18; 13.14x21, 17-13; 14.09x18, 26x17; 15.19x26, 30x07 G.N.

Ningún comentario: