domingo, 20 de novembro de 2011

Homenaxe ao Dr. Sena Carneiro

Xa teño dito neste blog que a maior parte do que eu coñezo sobre o tema das damas aprendino na monumental obra portuguesa «Enciclopedia Damista». Grazas ao extraordinario traballo do seu director, o Dr. Sena Carneiro, esta publicación deleitou aos afeccionados durante 50 anos ata que no 2005 rematou debido ao falecemento de tan ilustre Damista. Para min, sen sombra algunha de dúbida, Cándido Sena Carneiro foi o persoeiro máis relevante da historia do noso xogo. 


Dr. Cándido de Sena Carneiro
[Foto da Páxina de G. Westerveld]


Moito se ten falado da súa revista e das fenomenais cualidades que atesouraba Sena como editor, como problemista e como solucionista, pero quizais a súa faceta máis descoñecida é a de xogador prático. Hoxe imos lembrar como competía.

Cándido Sena Carneiro vs. Manuel Silva
Campionato do Porto [1955]

1.09-13 ...

En partida libre, esta saída que esquece a loita polo centro, só está considerada como mellor que 1.12-16 e case dun valor semellante a 1.11-15. En moitos casos adoita ser empregada como arma sorpresiva, tal como facía o mítico campión James Wyllie.

1. ... 21-18;

Configurando a «Apertura Dereita Transversal» que concede unha lixeira vantaxe ás negras. Con todo a mellor réplica segundo o punto de vista estratéxico é 1. ... 21-17 para tratar de bloquear o «flanco de río» das brancas.

2.05-09 ...

Traspoñendo a «Crítica Transversal» que se alcanza tras 1.10-13, 21-18; 2.05-10.

Máis aventureira estaba considerada a continuación 2.13-17, pero por terse efectuado en varios dos campionatos de Portugal, hoxe tamén xa é bastante coñecida. Esta liña a maior parte das veces segue con 2. ... 23-19; 3.10-14, 19x10; 4.05x21, 25x18; 5.01-05, 28-23; 6.05-10 e agora as negras adoitan escoller entre 6. ... 23-19; 6. ... 18-13; ou 6. ... 32-28.

2. ... 23-19;

Con estrita ortodoxia, movendo desde o «flanco de río» cara ao centro.

3.11-15 ...

Evitando que as negras poidan apoderarse da «casa dique» con 19-15. Ultimamente tamén está moi en voga a continuación 3.12-15, 23x19; 4.08x15.


POSICIÓN DESPOIS DE 3.11-15


3. ... 28-23;

Moi xogado é 3. ... 27-23; o típico movemento da «peza punta» con idea de entrar nunha «Partida Confusa» coas cores revertidas cuxo desenvolvemento estándar é 4.06-11, 23-20; 5.13-17, 31-27; 6.10-13, 27-23; 7.12-16, 19x12; 8.08x15, 23-19; 9.16x23, 19x12; 10.07x16, 28x19; 11.01-05, 32-28; 12.03-07 para empate, pero non 12.05-10 que perde como se demostrou nun célebre enfrontamento Medalha da Silva vs. Veríssimo Dias disputado en Almada no 1977 na «1º Copa da ED».  O xogo rematou con 12. ... 19-15; 13.11x20, 24x15; 14.16-20, 28-23; 15.20x27, 30x23; 16.04-07, 23-19; 17.07-11, 15x06; 18.02x11, 25-21; 19.03-06, 29-25; 20.11-15, 19x12; 21.06-11, 12-07; 22.11-15, 18-14; 23.10x19, 07-03; 24.19-23, 03-16; 25.15-20, 22-19 etc. [Porén máis rápido é 25. ... 21-18 co que Vaz Vieira fixo xa abandonar a Silva Pereira no noveno xogo do Campionato Absoluto de Portugal disputado en Coimbra no ano 1988].

4.06-11, 32-28;

A mellor. Aquí ao ter xogado o branco 4.06-11, a continuación 4. ... 23-20 é ben contestada con 5.12-16, 19x12; 6.16x23, 27x20; 7.07x23, 31-27; 8.08-12, 27x20; 9.12-16, 20-15; 10.11x20, 24x15; 11.16-20, con mellor xogo para as brancas.

Errado sería 4. ... 31-28?; tentando entrar por transposición na popular liña con 3. ... 27-23; polo golpe 5.10-14, 19x10; 6.15-19, 22x06; 7.13x31, [GB].

5.01-05, 19-14;

Nun xogo Veríssimo Dias vs. Mário Anjos do 13º Campionato de Portugal [Setúbal, 1993] seguiuse con 5. ... 26-21; 6.13-17, 18-14; 7.17x26, 30x21; 8.11x18, 22x06; 9.15x22, 27x18; 10.02x11, 23-19; 11.12-15, 19x12; 12.07x16, 28-23; 13.05-10, 24-20; 14.10-14, 21-17; 15.14x21, 25x18; terminando en empate.

6.10x19, 23x14; 7.13-17, 26-21;

Contra a intuitiva 7. ... 22-19; 8.15x22, 26x19; o mellor é seguir con 9.02-06, 28-23; [Se 9. ... 23-27; 10.11-15! con moi bo xogo para as brancas] 10.11-15, 27-22; 11.12-16, 19x12; 12.08x15, 23-19; 13.06-10, 19x12; 14.10x26, 30x21; 15.17x26, 29x22; 16.05-10 e as brancas están un pouco mellor.

8.17x26, 30x21; 9.12-16 ...

O Dr. Sena Carneiro xa indicou que o envío a dama con 9.09-13, 18x09; 10.11x18, 22x13; 11.02-06, 09x02; 12.12-16, 02x20; 13.16x32, 13-09 dá vantaxe ás negras.

Nun antigo xogo Wyllie vs. Dixon, o mestre escocés optou por 9.03-06 e tras 21-17; 10.15-20 [Se agora 10.12-16 a posición sería a mesma que na partida de hoxe] 10. ... 24x15; 11.12x26, 29x22; 12.06-10, 22-19; 13.08-12, 28-23; 14.12-16, 31-28; 15.04-08, 28-24; a valoración é equivalente.

9. ... 21-17; 10.03-06? ...

Aquí o mellor é 10.02-06, recomendado na «Guía de Robertson». O propio Sena Carneiro tamén o escollería posteriormente como tronco do «Tratado da Enciclopedia Damista», pero neste xogo pretende confundir ao seu rival saíndo da teoría.

[Sempre se pensou que o lance escollido neste xogo garantía o empate ás brancas. Curiosamente, pouco despois de publicarmos este xogo descubrimos que pode ser perdedor]. 

10. ... 17-13 ?;

Aquí debíase seguir con 10. ... 28-23; [A continuación que non só evita a derrota, senón que ata debe ser gañadora para as negras] porque a xogada efectuada polas negras permite un bonito golpe que recibiu os parabéns dos afeccionados que seguían a partida no «Palladium», o Café do Porto onde se celebrou este evento.

Golpe do Dr. Sena Carneiro


XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN


11.05-10 [!!], 14x05; 12.11-14, 18x11; 13.09x18, 22x13; 14.02x18, 11x02; 15.08-12, 02x20; 16.16x30, [1-0]

* * *

Aproveito a ocasión para amosarlles como era unha das portadas da súa famosa revista e ao mesmo tempo invito aos lectores a resolver outros dous problemas da miña autoría, que tiven a honra de sacar á luz en tan prestixiosa publicación.


Ningún comentario: