Xa estamos no Nadal e chegou o tempo das felicitacións e agradecementos.
Desde este blog queremos dar as grazas a aqueles que coa súa axuda contribúen a
mellorar os seus contidos, de forma moi especial ao grande mestre Víctor
Oliveira. Feliz Nadal e ventureiro 2016 para todos.
Coa intención de que os lectores pasen un rato moi agradábel imos dedicar
este artigo de Nadal ao humor no mundo das damas. Para iso fomos recollendo, seleccionando,
inventando e adaptando os chistes, bromas e anécdotas que nos pareceron
máis divertidos. Aquí están:
XOGADORES DE LIBRO
Moitos dos membros do «Club de Damas» de Nova York (en
Times Square) notan as cadeiras demasiado baixas (ou as mesas demasiado altas) para
estar cómodos, polo que algúns deles remedian este inconveniente sentando
enriba de guías telefónicas, xornais, ou o que teñan.
Un día, non hai moito tempo, un notable damista pouco
teórico pero que tiña sona de posuír unha enorme visión, estaba xogando contra
outro que a pesar de ter estudado moitas liñas de memoria, non pasaba de ser un
xogador mediocre. O primeiro non tiña ordinariamente ningún problema para gañar
ao seu rival, pero aquel non era o seu día e para sorpresa de todos acabou
perdendo.
Unha gran cantidade de miróns rodeou a mesa ao escoitar as risadas do vencedor que apuntado co dedo para a cadeira
exclamaba con sorna: “E non esqueza que o batín mentres vostede estaba usando
algúns dos máis grandes tratados do mundo”. Os espectadores puideron comprobar
que a desconcertada vítima estaba sentada sobre a «Enciclopedia de Kear», unha
guía de Ryan e o «Master Play» de Teschleit. Pero el respondeu: “Precisamente
por iso. É a primeira vez que uso algún libro de damas, por iso perdín”.
[«Checkers Kings in action». Tom Wiswell]
A DAMA MISTERIOSA
No salón recreativo dun exclusivo club de Boston, dous
colegas da vella escola que padecían severa miopía, estaban disputando a súa
habitual partida amigábel. Nun determinado momento alcanzaron un final de tres
damas brancas contra dúas negras, pero facendo gala da súa férrea rivalidade, o
xogador con vantaxe material non estaba disposto a acordar o empate. Este señor, que levaba as pezas brancas, tiña acendido un
enorme cigarro «Corona-Corona» que cada vez ía amosando máis e máis desa clara
e grosa cinza que producen os puros habanos. Os dous contrincantes seguían
realizando lances xa sen prestar moita atención, cando unha ben redonda porción
de cinza caeu sobre o taboleiro. O descoidado fumador non deu ningunha
importancia ao incidente. Non obstante, o seu rival que conducía as negras,
despois dun minuto de desconcertado estudo, exclamou con resignación: “Está
ben, estou perdido! Non sei porque eu estou seguindo este final de 4 damas
contra 2!”.
[«Checkers Kings in action». Tom Wiswell]
PARTIDA CON VANTAXE
En certa ocasión, estando de viaxe, o campión portuense
Adelino Ribeiro entrou de incógnito nun café e púxose a mirar como uns
afeccionados xogaban unha partida. Terminada esta, foi invitado a ocupar o
sitio do perdedor. Ribeiro, coa arrogancia que o caracterizaba, acepta dicindo:
“Ok, doulle tres xogos nunha partida de catro”. O retador indignado exclama:”Que
di ...? Se vostede nin sequera me coñece!”, e o xenial mestre contestoulle:
“Pois por iso, precisamente por iso!”.
[Contado polo protagonista nunha charla no «Clube
Recreativo dos Anjos»]
O TRAMPOSO
Nunha sesión de simultáneas ofrecida polo gran mestre
Newell Banks, comeu un peón decisivo a un dos seus rivais. Pero cando deu a
volta para seguir xogando nos outros taboleiros, o seu rival incorporou de novo
o peón ao xogo e alardeou diante dos espectadores de que o campión non se tiña
decatado. Uns poucos lances máis adiante Banks volveu a ganarlle outro peón,
pero desta vez colleu todas as fichas que había na mesa, gardounas no peto da
chaqueta e seguiu para diante sen dicir palabra.
[Esta anécdota tamén foi atribuída ao campión de xadrez
Bobby Fischer]
O LENDARIO CANTALAPIEDRA
O famoso damista español, Víctor Cantalapiedra, veraneaba
en Torrevieja [Alacante] e nunha certa ocasión escoitou que había un xogador
moi bo en Mallorca. Acompañado pola súa muller, tomou o barco e viaxou ata as
illas.
O tipo estaba xogando ás cartas, porque dicía que ás
damas non tiña rival. Despois de moito insistir aceptou xogar con Víctor, pero
como xa era tarde quedaron para enfrontarse outro día. Ao sábado seguinte,
diante de multitude de espectadores, Víctor gañoulle unhas 15 ou 20 partidas.
Entón o outro, estrañado, exclamou: “Só vin na miña vida unha persoa que xogase
tan ben como vostede, chámase Víctor Cantalapiedra”. E a muller rindo replicou:
“Pero se Cantalapiedra é este!”.
[Anécdota referida polo amigo do protagonista, Juan
Carlos Hernangómez]
LÓXICA
Estás sen transporte e queres ir a un torneo. Queda unha
praza no automóbil de Manuel Madureira, outra no de Perfeito Aguiar e outra no
de Camilo Silva.
—Con quen prefires ir?
—Aínda que Madureira e Camilo son «motoristas» eu vou co
outro.
—Por que?
—É «perfeito» a «guiar».
CONVERSA ENTRE DAMISTAS
—A miña muller díxome que se vou ao torneo, pide o
divorcio.
—E ti que vas facer?
—A «Confusa» de brancas e a «Cruzada» de negras.
UNHA BOA E OUTRA MALA
Nun café no que se xogaba moito ás damas, un día apareceu
San Pedro e un dos damistas preguntoulle se no ceo había torneos. O santo pensaba
que si, pero non estaba moi seguro, así que foi mirar. Pasado un tempo apareceu
outra vez e dixo:
—Traio dúas noticias, unha boa e outra mala. A boa é que
hai torneos. A mala, que o próximo sábado tes un match co Timoneda.
O DAMISTA MIOPE
Este era un damista que usaba lentes de cu de vaso debido
a súa miopía. En certa ocasión disputando unha partida contra un amigo co que
tiña unha enorme rivalidade, tivo a mala sorte de que ao intentar limpalos
caéronlle no chan estalando os cristais. O xogo estaba moi interesante, pois
acababa de ocupar o «río» e dispoñíase a facer a «forzosa», pero cos lentes nese estado, o home tiña
moitas dificultades para ver ben e cada vez arrimaba máis a cabeza ao
taboleiro. Ao chegar o oitavo lance, quixo asegurarse ben de coller a dama coa
que tiña que facer o triángulo, pero achegouse tanto que tocou noutra das damas
co seu nariz. O rival instantaneamente exclamou: «ficha tocada, ficha movida!!»,
e o noso protagonista xa non puido rematar nos 12 lances que estipula o
regulamento.
RISCOS NOS XOGOS DE TABOLEIRO
—Falando de actividades de risco, que xogo che parece máis
perigoso, as damas ou o xadrez?
—Debe ser o xadrez, pois se te quedas durmido podes
cravar o rei nun ollo!
CAPACIDADE DE CÁLCULO
Ao remate dun xogo de exhibición disputado en Newcastle no
que o mítico James Wyllie acababa de bater ao ídolo local —Harpar Coltherd—,
os espectadores preguntaron ao perdedor cantos lances podía calcular, e este contestou que uns 10 ou 12. Despois plantexaron a mesma cuestión ao gañador, e
respondeu que 1. Desconcertados, volveron preguntar: “Pero Mr. Wyllie como é
posíbel que pensando tan só un lance poida gañar ao noso campión?” e o xenio
escocés respondeu: “fácil, é que sempre penso no mellor!”.
[Anécdota contada por James Kear]
O PROBLEMA MÁIS SINXELO DO MUNDO
Seguindo un razoamento lóxico non é de estrañar o
desconcerto dos espectadores da anécdota anterior. Cantos máis lances se
necesiten para analizar unha posición, máis difícil debe resultar o chegar a
unha conclusión acertada. Polo tanto, un problema que se resolve en tres lances
debe ser máis fácil que outro que se soluciona en catro. Un que se soluciona en
dous, debe ser máis sinxelo que outro que se resolve en tres, e así
sucesivamente.
Supoñendo que o lector concorde con nós, agora para
rematar, imos propoñer o problema máis sinxelo do mundo. Non se gaña en 3
lances, nin en 2, nin tan sequera en 1. As brancas xogan e gañan en media
xogada.
Será o lector capaz de encontrar a solución? Non esqueza que o problema é o máis sinxelo, pero xogar ben ás damas, moi complicado. Quen será o primeiro en indicarnos a resposta correcta?
Se ninguén contesta, publicaremos a solución o 31 de decembro.
Se ninguén contesta, publicaremos a solución o 31 de decembro.
1 comentario:
Non é broma, o enunciado está correcto. Xa pasou un día e visitaron o blog 59 lectores. Ningún se atreveu a contestar e vale usar o programa.
Publicar un comentario