De modo xeral podemos dicir que: O problema de damas é un tipo de pasatempo que consiste en atopar un desenlace a unha posición preconcibida para tal efecto.
Os problemas poden ser extraídos de xogos reais tal como é o caso que amosamos no diagrama de arriba, un famoso exemplo publicado no histórico libro de Lorenzo Valls. [O seu desenvolvemento previo pode ser consultado no artigo do 28/2/2015], pero a gran maioría das veces son compostos especialmente podendo chegar a constituír verdadeiras obras de arte. Para ser así considerados deben cumprir unha serie de requisitos que expoñemos a continuación
Proposición dunha ou máis ideas.- A composición sempre ten que estar asociada a unha ou varias ideas arredor das que se desenvolve a súa solución. Na terminoloxía especializada a cada unha destas ideas dáselles a denominación de «temas».
Conforme ao momento no que aparecen, o Dr. Sena Carneiro —baseándose nunha clasificación feita polo Dr. OAL—, explica que se poden dividir en temas de desenvolvemento, nos que é a execución o que conta, e en temas de remate, se o seu atractivo reside na parte final.
Para dar unha visión xeral de forma resumida dos principais temas coñecidos presenta o seguinte esquema.
Pode darse a circunstancia nalgún dos casos citados neste esquema que un tema de desenvolvemento se converta en tema de remate cando aparece fusionado con outro de máis relevancia que pasa a ser o predominante. Así por exemplo os temas de «circuíto eliminatorio» [Para que exista circuíto precísase un varrido mínimo de tres pezas] só se consideran como principais cando o problema non presenta no desenvolvemento ningún outro tema que lle dea personalidade propia. Isto precisamente é o que acontece no problema de Valls que vimos antes. O seu tema principal é o de «xudía» [Envío dun peón a dama para despois capturar esta con lucro] pasando o tema de «circuíto eliminatorio circular» que se produce no cuarto lance a considerarse como secundario de remate.
Máis adiante, non obstante, nun fenomenal problema de Eduardo Valente mostraremos o do «circuíto» como tema de desenvolvemento, e nada menos que repetido en tres variantes.
Claridade de enunciado.- Por convención sempre son as brancas as que deben conseguir o obxectivo. Xeralmente «xogan e gañan» ou «xogan e empatan». Excepcionalmente pode indicarse que saen as negras, pero mantendo a función das brancas que serán sempre as que teñen que cumprir coa misión encomendada.
Orixinalidade.- Para que a autoría dun problema poida ser recoñecida é imprescindíbel que conteña algo novo. Os temas non son inesgotábeis e a gran maioría están presentes de modo recorrente noutras composicións publicadas despois da súa primeira aparición, por iso a orixinalidade depende de como se plasme a idea alterando forzas, medios, ou ambos, achegando algún trazo relevante que a diferencie da primitiva.
Cando se publica un problema o máis adecuado é indicar o nome do autor e a data e medio no que apareceu por primeira vez. Con todo existen obras, xeralmente antigas como as dos autores clásicos españois, nas que se poden ver plaxios ao repetir sen indicar a autoría traballos de libros anteriores. Algunhas veces son copias totalmente idénticas, pero outras aparecen camufladas xirando ou desprazando a posición, ou mesmo aumentando ou cambiando a colocación ou forza dalgunha peza.
Máis controvertida resulta a cuestión cando as coincidencias son atopadas en problemas compostos en modalidades diferentes. Existen infinidade de traballos que poden ser resoltos de xeito indiferente tanto en damas clásicas como en damas rusas, e entre estes coñecemos xa bastantes exemplares idénticos ou moi semellantes que se poderían considerar como plaxios. Pero tamén sabemos que é moi probábel que eses traballos fosen compostos con total descoñecemento dos orixinais, pois no caso dos autores de damas clásicas están datados nun tempo no que non existía internet nin se tiña constancia da produción damista dos rusos e, con estes, supoñemos que pasaría o mesmo. Por iso, cando nos atopamos nesta tesitura, en vez de «plaxios» semella máis apropiado falar de «anticipacións».
Moi coñecida é a coincidencia do máis famoso problema do mítico mestre lisboeta Luís António David [Falecido prematuramente antes de cumprir os 28 anos] con outro do afamado Alexander Shoshin [Prestixioso damista ruso cuxo nome adoita aparecer transcrito como «Chochin» para a lingua portuguesa e que tamén morreu moi novo con só 26 anos] que o lector pode ver no artigo deste blog do 28/05/2011 e que agora deseguido reproducimos outra vez aquí.
Outras mostras de anticipacións de traballos rusos pódense atopar na entrega anterior de Nadal [24/12/2022].
Do caso contrario, máis adiante [No capítulo referido aos finais artísticos] ofreceremos un exemplo moi rechamante sobre unha primorosa composición de Pedro Ruíz Montero, o autor clásico español coñecido como o «Cordobés» ou o «Neno de Luzena» que data do ano 1591.
Xa máis controvertida resulta a anticipación a un estudo de OAL que imos ver agora:
a) 1. ... 08-19; 2.16-27, 30x23; 3.04-08, 19-10; [Ou se 3. ... 19-29; 4.11-15, 29x12; 5.08x28, GB.] 4.11-14, 10x19; 5.08x22, [GB].
b) 1. ... 30-27; 2.16x30, 08-19; 3.30-26, 19x29; 4.04-08, 29-25; 5.08-04, 25x07; 6.04x11, [GB].
No caso de OAL a chave é 1.20-23, orixinando as mesmas variantes. Obsérvese que o problema é máis económico que o de Tumanov ao usar un peón en vez da dama en «16». Pero ese recurso nas damas rusas, ao comer o peón para atrás, desvalorizaría completamente o traballo ao facer desaparecer unha das variantes.
Precisión.- Só pode ter unha solución. Tanto o movemento inicial, coñecido como “chave”, como as demais xogadas necesarias para a execución do tema deben ser únicos e sen posibilidade de permutación. Un dual na chave arruinaría por completo a composición e o problema quedaría «demolido». Se é posterior pode ser excepcionalmente permitido en variantes con movementos libres, pero considérase como defecto, tanto máis leve canto máis avanzada estea a solución. Con todo, nunca se contempla como tal se o dual se produce nunha captura de varrido final ou aparece do modo que se indica na seguinte licenza:
Evidentemente, calquera problema podería ser demolido por refutación, se unha vez publicado, alguén demostra que non se pode cumprir o que se propón no enunciado.
Economía.- Utilización do menor número de pezas posíbel. Todas con función e sen usar damas cando un peón produce o mesmo efecto. Con todo, permítese a licenza de usar unha dama branca abaixo da forza se vale para influír psicoloxicamente anulando a sensación de evidencia no desenlace. Se a dama fose negra, permítese en dous supostos; un é cando permanece pasiva todo o tempo pero ao estar amaeazando captura pode facer pensar que nesa liña imaxinaria está a solución; e o outro, cando resulta estritamente necesaria para evitar demolición por dobre solución, aínda que neste segundo caso xa se consideraría como un defecto leve que desvalorizaría a composición.
Un exemplo de dama branca abaixo da forza xa foi explicado no artigo do 6/5/2022. Outro referido á dama da outra cor témolo na adaptación do problema variábel de Vitoshkin que veremos máis adiante. Neste había unha dama na casa «27», necesaria nas damas rusas para evitar dobre solución. Pero na nosa modalidade constituiría un defecto grave pois non se presenta esa posibilidade ao ser obrigado comer a maioría. Foi ese o motivo polo que en vez dunha dama pasiva, colocamos un peón no seu lugar para respectar a norma da economía. Vexamos agora unha licenza de dama negra no outro caso.
Brillantez.- Un requirimento de apreciación moi subxectiva que se adoita producir coa incorporación de elementos e recursos capaces de provocar unha reacción impactante e sorpresiva no solucionista como poden ser:
1.- Posición inicial de aparencia elegante coas pezas colocadas de forma verosímil e harmoniosa facilitando a súa sinxela memorización.
2.- Dar a primeira vista a sensación de imposíbel resolución.
3.- Ao revés do anterior, facer entrever un determinado desenlace [O que se coñece como ensaio] pero realmente solucionarse de modo totalmente diferente.
4.- Combinar dous ou máis temas ou repetir o mesmo efecto varias veces.
5.- Presentar a formación de motivos xeométricos, que poden aparecer tanto na colocación das pezas como na execución dos lances.
6.- Evitar a trivialidade empregando movementos inusitados como son os que entrañan sacrificios de material, concesións estratéxicas moi evidentes ou carencia lóxica de intención.
Unha vez explicado o que é un problema artístico imos ver as diferentes categorías coas que adoitan ser clasificados nos libros, revistas ou nos concursos de composición.
Tendo en conta a cantidade de producións e a súa presenza habitual nas publicacións especializadas e seccións de prensa destacan 4 tipos fundamentais coñecidos como «problema clásico», «problema variábel», «estudo» e «final artístico». Xa con carácter máis ben anecdótico podemos referir outra clase de composicións como o «problema condicionado», o «problema retrospectivo» ou o «problema humorístico», que se ben no xadrez aínda teñen unha certa relevancia, nas damas clásicas, pasan practicamente desapercibidos.
Problema clásico.- Produción que non debería superar as 13 pezas na que as negras son forzadas por captura a seguir unha única secuencia temática.
O problema de Lorenzo Valls co que iniciamos o artigo é un bo exemplo deste tipo. Deseguido amosamos outro no que adaptamos unha obra que o Dr. OAL presentou a un concurso de produción cando aínda era un novato e estaba moi lonxe de converterse na figura máis relevante da escola moderna de problemismo en damas clásicas. Aproveitamos así para explicar mellor ao iniciado algúns dos conceptos máis interesantes que xa tratamos anteriormente.
Solución.- 1.10-13, 17x10; 2.23-30, 32x14; 3.30-21, 25x18; 4.03-07, 04x11; [Igual que sucedía na posición inicial, agora repítese o efecto de simetría] 5.24x06x13x27, 31x22; 6.01x26, [GB]. Corte e recorte» efectuados cun selectivo varrido en «U» con sacrificio de dama concatenado cun varrido angular.
Coa adaptación conservamos a simetría na posición inicial; mantemos a mesma cantidade de lances no proceso de desenvolvemento; economizamos o número de pezas; damos mellor función á dama de «32» [No orixinal evita outra solución con 1.19-22]; e, o máis importante, eludimos a demolición por permutación. Nótese que no orixinal valen dúas chaves 1.13-17, e 1.04-07. E no segundo caso volvería haber permutación no segundo lance pois podería gañarse tanto con 2.13-17, como con 2.23-28.
Problema variábel.- Produción que non debería superar as 13 pezas que contén un mínimo de dúas variantes nas que as negras son obrigadas a seguir as súas respectivas secuencias temáticas sempre con capturas.
No artigo anterior o lector pode ver un variábel excepcional do portugués Joaquim Eliseo Restivo. Aquí amosamos algúns exemplos máis que esperamos sirvan para que o principiante poida familiarizarse coa idea e distinguilos ben.
Temos lido nalgunha sección xornalística que para considerarse «problema» debería superar os 3 lances de profundidade, mais nós non sempre concordamos con esta idea, se presenta algún tema ben definido por esquemático que sexa. Este, do autor francés Isidore Weiss, con só 2 lances en cada variante, para nada resulta trivial e de feito figura nun dos volumes da famosa Antoloxía do bielorruso Vitoshkin por ser a primeira vez na que se presenta o tema de «mate ao descuberto» con cobertura flotante. Con todo, como veremos despois no apartado correspondente, os traballos esquemáticos poden restar puntuación na súa valoración.
Solución.- 1.11-20, chave de sacrificio alterno que obriga ás negras a tomar un dos seguintes dous camiños [O que en terminoloxía problemística coñécese como «bifurcación»]:
a) 1. ... 23x16; 2.18x07, [GB]. Toma a dama que quedou descuberta e ao mesmo tempo domina os dous peóns.
b) 1. ... 14x21; 2.20x17; [GB]. Remate con varrido en «V», un efecto que tamén se coñece como varrido ou captura «angular». Resulta curioso indicar que se as damas brancas estivesen de inicio nas casas «20» e «27», neste caso a chave sería 1.27-18, e a posición confluía exactamente, pero esta variante pasaría a ser a que daría nome ao tema pois agora a peza descuberta é a de «23».
O segundo exemplo é unha adaptación feita por nós para poder validar na nosa modalidade un traballo de Leónidas Vitoshkin:
Solución.- 1.06-10, e segundo coman as negras prodúcense dúas variantes temáticas.
a) 1. ... 13x06; 2.26-17, 25x11; [Ou a ramificación 2. ... 25x07; 3.04x02, GB. Tema de varrido por circuíto circular (Por 4 diagonais)] 3.04x24, varrido con circuíto en «U» para completar a formación dunha «armadilla contra-promoción» que pasa a ser o tema predominante [Distinto ao de «armadilla anti-promoción» no que o peón que está a punto de entrar en dama non é directamente atacado]. Agora se:
➤ 3. ... 06-03; 4.24-06, 03x10; 5.17x06, [GB].
➤ 3. ... 06-02; 4.17-06, 02x11; 5.24x06, [GB].
b) 1. ... 25x11; [As negras dispoñen tamén dunha terceira hipótese con 1. ... 25x07; pero como nada cambia e o desenlace é idéntico, non se considera como nova variante] 2.04x24, 13x06; 3.24x02, [GB]. Tema de «corte e recorte» executados cun varrido de circuíto en «U» concatenado con outro varrido lineal.
Segundo o Dr. OAL, creador da teoría que rexe este tipo de problemas, cada variante debería considerarse como un problema clásico independente. Por iso o lector debe notar que nesta adaptación do traballo de Vitoshkin [Non no orixinal] existe un pequeno defecto ao estar na «variante b» a dama de «26» sen función.
Tamén convén explicar que as variantes non teñen por que derivar directamente da chave, estas poderían orixinarse despois de calquera outro lance. Semella demasiado confuso o criterio de introducir unha nova categoría denominada «clásicos mixtos», como se fixo nalgún campionato de Portugal, para producións con varios lances ríxidos que rematan con bloqueos con hipóteses. Para nós son variábeis todos os que cómpren co indicado na definición que demos. Mostra disto aparece nestes outros traballos:
Solución.- 1.18-27, 31x22; 2.21-17, e agora aparecen as variantes:
a) 2. ... 19x05; [Se 1. ... 19x01; o proceso é o mesmo, non considerándose esta como nova variante] 3.17-13, 05x28; 4.13x06, [GB]. Circuíto con percorrido directo [Segue o sentido contrario ao das agullas do reloxo].
b) 2. ... 19x10; 3.17x26, [GB]. Circuíto con percorrido retrógrado [Segue o sentido das agullas do reloxo].
c) 2. ... 19x28; 3.14-18, 22x13; 4.17x31, [GB]. Outro circuíto retrógrado pero finalizando nunha diagonal distinta do anterior.
Un problema no que nas tres variantes se repite o mesmo tema de circuíto eliminatorio en «U» [A diferenza do que acontecía na anterior adaptación do problema de Vitoshkin, aquí é o tema principal porque non existe outro que o faga perder o protagonismo]. Tanto neste circuíto como no de tipo «Zigzag» son nos que se exixe menos percorrido para definilo [A dama varre por só tres diagonais]. Pero este traballo está valorizado non só pola repetición, senón tamén porque as tres veces está feito de forma diferente.
Solución.- 1.13-18, 22x13; 2.03-07, 04x11; 3.02x10 ... [«Circuíto circular con sacrificio» que orixina bifurcación] e agora se:
a) 3. ... 14x32; 4.10-01, [GB]. Primeira variante con bloqueo bipolar.
b) 3. ... 14x01; 4.28-32, [GB]. Segunda variante con bloqueo bipolar.
c) 3. ... 14x05; [Liña atemática, polo que aínda que constitúe unha terceira hipótese non se pode considerar como variante. Non hai pois «Trifurcación»] 4.28x01, [GB].
Neste problema, aínda que sexan tan curtas, existen dúas variantes ben definidas, ambas as dúas polo tema bipolar [Nótese que para contar os lances entran todos os da liña desde o principio, non só os específicos da variante].
Estudo.- Produción de ata 10 pezas, cun máximo de 4 brancas e 6 negras, que deberá presentar ao menos dúas variantes temáticas que conteñan algún lance libre das negras.
Vexamos dous exemplos:
Solución.- 1.16-20 ...
Chave intuitiva formando «batería» que dá lugar a tres variantes temáticas por movemento libre das negras.
a) 1. ... 32-28; 2.15-08, 24x15; 3.08x32, [GB]. Bloqueo bipolar.
b) 1. ... 01-05; [Non se consideran novas variantes as hipótese nas que as negras ocupan calquera das outras dúas casas flutuantes inferiores («10» ou «14»), porque o desenlace é idéntico] 2.15-08, 24x15; 3.08x01, [GB].
c) 1. ... 01-28; 2.15-02 ... [Ou dual mínimo con 2.15-06. Esta é unha das contadísimas excepcións ás que nos referiamos cando explicamos o que era a «precisión». Nótese que se metemos un peón branco na casa «2», o dual desaparece, pero é preferíbel isto a meter pezas figurantes sen función na solución] 2. ... 24x15; 3.02x31, [GB].
Este segundo xa o tiñamos publicado con dama negra na casa «6», pero era unha desafortunada adaptación feita para as damas rusas. Naquel momento descoñeciamos a existencia do estudo real que ofrecemos agora.
Solución.- 1.*29-25 ...
Chave que orixina 4 variantes temáticas que son:
a) 1.... 27-31; 2.25x02, 31x24; 3.*19-15, 24x11; 4.02x15, [GB]. Armadilla anti-contraameazas.
b)1. ... 21-17; 2.*28-31, 27-16; [Se 2. ... 27-20; segue idéntico proceso. Se 2. ... 27-30; xa 3.*19-26, 30x21; 4.*25x02, GB. Se 2. … 27-09; 3.*19-22, 09x27; 4.31x03, GB.] 3.*31-27, 16x30; 4.*19-26, 30x21; 5.25x02, [GB].`Armadilla tras ataque simple a dama+peón flotantes e separados.
c) 1. ... 27-18; 2.*28-31, 18-04; 3.25x02, [GB]. Bloqueo angular.
d) 1. ... 27-23; 2.25x02, 23x14; [Se 2. ... 23x10; segue o mesmo proceso. Ou se 2. ... 23x01; 3.*28-32, GB.] 3.*02-05, 14x01; 4.*28-32, [GB]. Bloqueo bipolar.
Un estudo á antiga usanza con lance libre das negras no inicio de cada variante. Os primeiros problemas con esta designación foron publicados en Rusia a finais do século XIX e dentro das normas establecidas naquel tempo non se permitía que o primeiro lance negro fose de captura. Máis modernamente esta idea foi modificada e bastaría con que en cada unha das variantes exista ao menos un lance libre sen importar en que altura.
Final artístico.- É unha produción de características similares ao estudo pero na que se permiten certas licenzas como poden ser a presenza dunha soa variante temática, o uso de máis de 4 pezas brancas ou a existencia de leves duais en movementos posteriores á chave sempre que se conserve idéntico proceso de resolución e o tema non se poida plasmar de ningunha outra forma [Os máis comúns adoitan ser desprazamentos de espera ou perda de tempo sempre que sexan feitos coa mesma peza, ou permutacións de desenlace por dobre atracción de dama negra para gancho ou bloqueo, pero pode ser calquera outro no que o dual non se poida evitar sen repercusión noutra variante].
Na ilustración que acabamos de amosar aparecen dous exemplos de duais pola permutación antes referida. As brancas poderían xogar primeiro 1.24-28, e seguir con 2.31-28, pero tamén valería intercambiar estes movementos para rematar do mesmo xeito en cada un deles. No primeiro con 3.25x02, GB. No segundo con 3.29-25, GB. Bloqueo.
Moitas veces aos estudos tamén se lles chama finais artísticos. Pero débese reparar en que todos os estudos son finais artísticos, pero non á viceversa.
De seguro, o lector quedará cunha idea máis clara despois de ver os tres exemplos que comentamos a continuación:
Final artístico de Mirón. Autor clásico do que infelizmente só se conservan dous traballos. Grazas a este, o seu nome nunca vai ser esquecido.
Solución.- 1.*16-20 ... [Chave para formar «batería»]. Agora temos as seguintes variantes:
a) 1. ... 01-19; 2.*15-11, 24x06; 3.*22x02, [GB]. Tema de aproveitamento de «Luneta». Así denominado porque a dama negra colocada no medio de dúas pezas brancas ameaza con cortar polos dous lados a modo da ferramenta de corte circular que usaban os curtidores para traballar os coiros.
b) 1. ... 01-32; 2.22-18 ... [O proceso gañador basease na construción dun «gancho» levando a dama libre para a casa «8» xusto despois de que a negra se instale na «1». O método é único, pero na súa execución as brancas no segundo e terceiro lance dispoñen de diversas casas para facer a perda de tempo que descoloca á dama negra. Esta licenza é o que determina que este problema sexa un final artístico e non un estudo] 2. ... 32-01; [Resgardándose do disparo] 3.18-07, 01-32; 4.*07-04, 32-01; 5.*04-08 ... [Formando o «gancho» temático no momento xusto] 5. ... 01-32; 6.*20-23, 32x12; 7.08x15, [GB].
c) 1. ... 01-05; [Ou en calquera das outras dúas casas flutuantes inferiores («10» ou «14»). Variante atemática] 2.*15-08 ... [A «batería» dispara] 2. ... 24x15; 3.08x01, [GB]. Varrido angular inferior.
d) 1. ... 01-28; 2.15-08 ... [Variante atemática con dual por varrido angular dereito con 2.15-06, ou 2.15-02, GB.] 2. ... 24x15; 3.08x32, [GB]. Varrido angular esquerdo.
Segue agora unha composición de Pedro Ruíz Montero, obra primorosa que coa dama negra na casa «10» foi despois plaxiada no libro de Garcez [1684] e na literatura rusa por Pronin que o publicou no xornal «A Noite de Moscú» no ano 1934.
Solución.- 1.*04-07, chave que orixina tres variantes temáticas:
a) 1. ... 08-04; 2.29-15, 04x20; 3.16x01, [GB]. «Armadilla anti-promoción».
b) 1. ... 05-32; 2.24-28 ... [Ou dual permitido por «desenlace por permutación de dobre atracción» mediante 2.16-23, 32x04; 3.29-25, GB.] 2. ... 32x04; 3.29-25, [GB]. Prisión.
c) 1. ... 05-01; [Contra 1. ... 05-10, segue o mesmo proceso] 2.24-28 ... [Ou o dual con licenza 2.16-23, 01x32; (Se 2. ... 01x28; 3.24x31, 08-04; 4.29-22, GB.) 3.24-28, que conduce a idéntico desenlace] 2. ... 01x32; 3.16-23, 32x04; 4.29-25, [GB]. Prisión.
Outras variantes non inflúen na valoración do problema por ser atemáticas. Estas son:
d) 1. ... 05-14; 2.29-25, [GB]. Nótese que aquí, menos 2.07-12�, valería calquera dos outros posíbeis lances.
e) 1. ... 05-02; 2.07-11, [GB]. Aquí 2.24-28, ou 2.16-23, dominando o río, tamén gañan.
f) 1. ... 05-09; 2.24-28, [GB]. Aquí tamén vale 2.16-23, pois en ambos casos dominan o río e poden pasar a un final gañador de 4 damas contra 2.
Por analoxía co final de Montero, amosamos un terceiro exemplo do autor ruso Pankratov, que nos vai servir para clarexar algunha dúbida máis relacionada coas licenzas nos duais e ao mesmo tempo debater sobre a orixinalidade.
Solución.- 1.*04-07 ... [A posición é case idéntica á de Montero e a chave igual e coa mesma idea, pero como veremos non pode ser considerado como plaxio pois vai presentar varios trazos relevantes que non só o fan diferente, senón que ata melloran o traballo orixinal concibido nun tempo no que aínda estaba moi lonxe o establecemento dos canons da composición]. Presenta as seguintes variantes temáticas:
a) 1. ... 08-04; 2.29-22 ... [«Armadilla» distinta á de Montero na que o «gancho» funciona comendo para unha casa diferente] 2. ... 04x27; 3.31x02, [GB].
b) 1. ... 05-01; [Se 1. ... 05-10; ou 1. ... 05-23; segue de modo similar] 2.24-28 ... [Para «manobra de atracción» que tamén se pode facer por permutación permitida como licenza con 2.31-28. Nótese que a permutación é na mesma casa, mentres que no final de Montero efectuábase en casas diferentes] 2. ... 01x32; 3.31-28, 32x04; 4.29-25, [GB].
c) 1. ... 05-28; [Variante adicional con respecto ao final de Montero] 2.31-22, 08-04; [Se 2. ... 28-32; (Contra 2. ... 28-23; segue de modo idéntico) 3.22-19, 32x04; 4.29-25, GB. Se 2. ... 28-10; (Contra 2. ... 28-01; ou contra 2. ... 28-05; segue de modo idéntico) 3.24-28, 10x32; 4.22-19, 32x04; 5.29-25, GB. Atemática, por ceder o río sería a ramificación 2. ... 28-31; 3.22-27 ... (Ou tamén 3.24-28, ou 3.22-19) 3. ... 31x04; 4.29-25, GB.] 3.24x31, 04x27; 4.31x22, [GB].
d) 1. ... 05-32; 2.24-28 ... [Ou o dual 2.31-28, permitido como licenza por ser un «desenlace por permutación de dobre atracción». A diferenza do de Montero, efectúase na mesma casa, o que anula o defecto pois non hai forma de conseguir o tema sen dual] 2. ... 32x04; 3.29-25, [GB].
As outras tres variantes restantes son atemáticas [En dúas as negras ceden o río e na outra xogan de axuda para encerrar a dama] e non se teñen en conta na valoración artística.
e) 1. ... 05-02; 2.24-28, [GB]. Resulta curioso indicar que esta foi a liña seguida nun xogo real disputado en Valladolid no ano 1986 por Víctor Cantalapiedra vs. Sr. Escribano. O final rexistrado na 3ª parte de «Las damas, ciencia sobre un tablero» de Govert Westerveld aparece coa posición inicial aínda recuada cun peón branco na casa «27» e unha dama negra en «9» atacando ese peón. Así despois de 1.27-31, 09-02; fórmase a posición do problema de Pankratov.
f) 1. ... 05-09; 2.31-13, 09x04; 3.29-25, [GB].
g) 1. ... 05-14; 2.29-25, [GB].
Problema condicionado.- Composición que ten que ser solucionada nun número de movementos estipulado no enunciado. Segundo cumpra os requisitos dos modelos hasta agora mencionados poderá ser tamén englobado coa respectiva denominación. Enténdase: Clásico condicionado, Variábel condicionado, Estudo condicionado, etc.
No modo de contar os lances houbo discrepancias entre autores. Pero a máis lóxica semella ser a do mestre catalán José Durán Ollé que na revista portuguesa «Século Ilustrado», no número do 29-3-1941 escribiu que se deben contar todos os lances ata que sexan totalmente eliminadas as pezas negras, ou inmobilizadas.
Non concordamos co Dr. Carlos Rodríguez Lafora, que 一ao igual que facía Timoneda一 baséase nos problemas de xadrez e contabiliza só ata o que chamaba «mate», non incluíndo na conta o último movemento de captura no que se eliminaba definitivamente a derradeira peza negra.
Este tipo de problema moitas veces é usado como recurso para salvar unha composición demolida por unha dobre solución que precisa de máis lances que a temática. Non existe unha produción moi extensa pois a preferencia dos compositores e non condicionar os seus traballos, con todo existen casos nos que a limitación no número de lances presenta connotacións prácticas e ata valoriza o problema. Deseguido o lector pode ver un xenial exemplo do mestre Manuel Melo, orixinalmente presentado recuado aínda un lance atrás [A dama branca da casa «11» estaba en «4» e a negra en «27», sendo para resolver en 8 lances].
Solución.- 1.*02-05 ... [Chave calma que prepara unha manobra nunca vista nos métodos habituais da «Forzada». O Ensaio intuitivo con 1.02-09, sería refutado con 1. ... *13-03; 2.09-22, 03-17; 3.19-23, e co vértice máis afastado do «triángulo» sen apuntar á dama negra non é posíbel gañar nos 7 lances] e agora se:
a) 1. ... 13-31; 2.05-09, 31-24; 3.09-02, 24x06; 4.02x11, [GB].
b) 1. ... 13-09; 2.11-24, 09x02; 3.19-15, 02x20; 4.24x15, [GB].
c) 1. ... 13-03; 2.*11-06, o complemento fundamental da chave que agora permite un máxico desenlace por bloqueo bipolar alterno. Se 2. ... 03x32; 3.*05-01, 32-28; 4.01x32, [GB]. Ou se 2. ... 03x01; 3.*19-32, 01-05; 4.32x01, [GB].
d) 1. ... 13-27; 2.*05-09, 27-16; [Se 2. ... 27-30; 3.*09-13, 30-16; 4.*13-03, e atrapan a dama xusto ao 7º lance] 3.*09-13, 16-03; [Se 3. ... 16-30; 4.*13-03, e de novo gañan en 7] 4.*13-17, 03-16; 5.*11-07, 16x03; 6.*19-10, 03x13; 7.17x10, [GB].
e) 1. ... 13-17; 2.*19-22, e se 2. ... 17-03; 3.*05-23, [GB]. Ou se 2. ... 17-30; 3.05-10, [GB]. Formando en ambos os dous casos o «triángulo» do «pé de galo» para gañar exactamente nos 7 lances.
Problema retrospectivo.- Composición que require pescudar os movementos anteriormente realizados para responder a algunha cuestión relacionada coa posición presentada.
Nunca vimos publicado ningún problema de damas específico deste tipo, pero si existen exemplos que se poderían extrapolar de xustificacións que os autores de problemas habituais indican cando a posición ofrece dúbidas sobre a súa legalidade. Tal é o caso do Dr. Sena Carneiro que xa amosamos antes. Para mellor entendemento presentamos agora unha sinxela demostración que preparamos especialmente para este artigo:
Solución.- Aparentemente semella unha posición ilegal. O truco está en percibir que o movemento branco ten que ser de captura, pero non unha captura simple, senón múltiple e de tipo especial. Así poderíase partir da posición que aparece no diagrama da parte dereita efectuando o seguinte desenvolvemento axudado 1.16-03, 31-27; 2.17-21, 29-25; 3.10-14, 25x18; e o movemento pedido 4.03x24, para formar a posición do problema.
Problema humorístico.- Trátase dunha posición para resolver cos medios convencionais, pero que presenta tamén algún detalle inesperado de tipo gracioso.
Hai algún tempo amosamos neste blog un exemplo cuxo enunciado dicía «Brancas xogan e gañan en ½ xogada» [Artigo do 31/12/2015]. Vexamos agora outra mostra:
Solución.- Colocando un peón na casa «1» e outro na «25» ou «26» as brancas gañan coroando en «29». Pero unha vez que o solucionista acerta, ven a graza indicando que na casa «1» non podía haber ningunha ficha porque cando caeron os peóns do taboleiro alguén o estaba cambiando de mesa e precisamente agarraba con un dedo por esa casiña. Volvendo a pesquisar pódese comprobar que colocando os peóns en todas as outras casas posíbeis chégase a comprobar que non hai forma de conseguir que as brancas poidan gañar. Por tanto, aguzando un pouco o enxeño, non queda máis posibilidade que a humorística de que os peóns estivesen colocados un arriba do outro formando unha dama. Nese caso se a situamos na casa «8» o enunciado pódese cumprir con 1.*02-24, 28-23; 2.*24-28, 23-20; 3.*28-01, [GB].
*[Este problema saiu inicialmente concebido doutra forma, pero grazas a unha apreciación que nos fixo o grande mestre de problemismo, Eduardo Valente, puidemos rectificalo e ata nos gusta máis porque así inclúe 2 propostas].
Un problema pode gustar moito a unha persoa e a outra parecerlle malo. O habitual se non se teñen coñecementos de problemismo é pensar que os mellores son os de solución enmascarada pola presencia dun gran número de pezas, ou os que gañan nunha posición na que se teñen moitas damas de menos ou se efectúa un varrido con abundancia de capturas. Non obstante, segundo os expertos, para valorar ben un problema eses detalles que aprecian tanto os novatos, non teñen demasiada importancia.
Baseándonos nunha idea que empregou Eduardo Valente cando creou o programa Arca no que se arquivan todos os problemas aparecidos na «Enciclopedia Damista» e tendo en conta os criterios maioritariamente aceptados, que antes expuxemos, confeccionamos a seguinte táboa con valores de 0 a 5 para facer unha clasificación artística que semella bastante coherente e reduce en gran medida a influencia que pode ter a subxectividade:
Valor 0 = Ilegal, insolúbel ou demolido por dual grave [Cando se produce en calquera lance da liña ou liñas con secuencia temática predominante].
Valor 1 = Con defecto grave de construción por usar pezas figurantes, damas abaixo da forza sen función ou superar o número recomendado.
Valor 2 = Con defecto leve de construción por aparecer pezas que, sen ter movido antes, perden a súa función nalgunha liña dun variábel ou dun estudo; ou por empregar un peón pasivo ou unha dama negra abaixo da forza para evitar dual, Os problemas que non superen os tres lances de profundidade ao menos nunha das suas variantes temáticas só poderán sobrepasar esta puntuación no caso de ser orixinais.
Valor 3 = Sen defectos na construción nin na execución da liña ou liñas necesarias para plasmar o tema predominante, permitíndose só duais en liñas ou ramificacións con tema secundario.
Valor 4 = Sen defectos na construción nin na execución da liña ou liñas necesarias para plasmar o tema predominante, permitíndose só duais sen licenza a partir do terceiro lance en liñas ou ramificacións con tema secundario. Pero ademais debe presentar un mínimo de 3 efectos revalorizadores non esixidos para a realización do tema.
Valor 5 = Reservado para os problema de antoloxía. Sen defectos na construción nin na execución da liña ou liñas necesarias para plasmar o tema predominante, permitíndose só duais sen licenza a partir do cuarto lance en liñas ou ramificacións con tema secundario. Ademais debe presentar, ou ben tema orixinal ou algún elemento temático inédito que represente unha variación da execución estandarizada dun tema coñecido, ou dous ou máis temas que sen ser inéditos aparecen reunidos por primeira vez dentro do mesmo traballo, ou ben un mínimo de 5 efectos revalorizadores non esixidos para a realización do tema.
EFECTOS REVALORIZADORES: Posición inicial formada por un máximo de 9 pezas [Problema Miniatura], simetría na posición inicial, chave inesperada, solución adicional aparentemente boa pero que ben analizada non pasa de ser un «ensaio», lances defensivos que semellan conseguir a demolición, tema de difícil construción do que se coñecen poucos exemplos, fusionar dous temas dentro da mesma liña, presencia de variantes temáticas [Contando 一a partir da segunda一 cada unha como un efecto se a liña de desenvolvemento presenta tema independente, pero se o tema é dos que se consegue por repetición, só aumentaría a conta a partir da cuarta (Pois as tres primeiras formarían parte do mínimo exixido para a validación do tema). O criterio sería o mesmo se dentro de cada variante aparecesen ramificacións con relevancia temática]
Sempre que non formen parte das exixencias do tema, tamén se consideran efectos todos os elementos artísticos que aparezan por duplicado [Por exemplo, dous movementos angulares (Con pezas da mesma cor. Nótese que cando é tema deben ser tres e poden ser feitos indiferentemente con pezas da mesma ou diferente cor), dous sacrificios para crear caravillas, dous amparos na lei da cantidade, dous amparos na lei da calidade, dous amparos valéndose unha vez da calidade e outra da cantidade (Ou viceversa), dous ataques con peza flotante (Sen soporte), dous percorridos de «ida e volta» de dama, dúas manobras de adquisición de tempo, dous lances de espera, dous lances anti-zugzwang, etc.]. Contando como novo efecto cada un destes elementos se no sucesivo aparecen outra vez.
POSICIÓNS ESQUEMÁTICAS: Todas as producións que conteñan ao menos unha liña temática poden ser consideradas como problemas. Con todo, por razóns de trivialidade, se o seu desenvolvemento esencial non supera os 3 lances e non é orixinal, esa liña non se ten en conta para facer a valoración. Por tanto, de darse o caso, se o traballo non contén outras liñas adicionais, perde a categoría de «problema» e pasa a considerarse como «esquema».
ËËËËËËËËËËËË
Xa dixemos que no xogo práctico, algunhas veces, podemos atopar posicións que obedecen a todas as normas que require unha boa composición e que por tal motivo deben ser consideradas como problemas artísticos. Tal é o caso do exemplo de Valls co que introducimos este artigo, ou o do xogo do Match Marrocos vs. Portugal [João Oliveira vs. Abdesalam krioulhi] que amosamos recentemente co Nº 7 nos «Problemas de Nadal», pero aquí non é a iso ao que nos imos referir.
Agora falaremos doutras posicións que poden aparecer igualmente. Son posicións que presentan situacións propias que sen alcanzar o virtuosismo das composicións artísticas [Non compren todas as normas requiridas], cativan igualmente a atención dos damistas. Aínda que doutra clase, son tamén problemas e dentro deste xénero podemos distinguir dous importantes tipos de propostas: O «golpe» e o «final técnico».
Golpe.- Posición que pode aparecer na apertura ou no medio xogo na que, como único requisito, o bando que xoga consegue o seu obxectivo mediante unha secuencia fulminante de capturas provocada por un ou varios sacrificios previos. Neste blog xa foron presentados a maioría dos máis célebres como o «Salto do Peixe» de Pedro Ruíz Montero na «Partida do Río», o «Tiro Longo de García Canalejas» na «Partida Española», o xenérico «Golpe de Brooklyn» que con estruturas moi semellantes pode aparecer en diferentes partidas, o «Golpe que puido cambiar a historia» [Que se o chega a ver Medalha arrebataría o título de campión portugués de 1996 a Veríssimo], a «Guillotina» de Golsboro, e moitos outros que poderiamos seguir nomeando.
De todos eles rescatamos un, que nos gusta especialmente:
O xogo iniciouse do seguinte modo: 1.12-15, 23-19; [Apertura «Paralela Ortodoxa»] 2.08-12, 28-23; 3.10-13, 21-18; 4.05-10, 32-28; [A teoría actual recomenda seguir aquí con 4. ... 25-21;] 5.11-14, 18x11; 6.07x14, 24-20; [Un gambito defensivo moi de moda naquela época] 7.15x24, 19-15; 8.12x19, 22x15; 9.01-05, 23-20; 10.13-17, 28-23; 11.10-13, 15-11�; [O movemento perdedor. 11. ... 20-16; era o adecuado] 12.06x15, 20x11; e nesta altura temos a famosa posición do golpe co que o famoso xogador e problemista Luís António David bate de modo espectacular a João Moura Jacinto, ambos os dous antigos campións de Lisboa.
É importante percibir que o exemplo de Lorenzo Valls que aparece ao principio deste artigo tamén é un golpe, pero elevado á categoría de problema artístico porque obedece completamente as normas requeridas. No presente caso todas esas esixencias non son cumpridas.
Final técnico.- Posición da última fase do xogo na que por convención as brancas conseguen o seu obxectivo usando medios que poden chegar a sorprender pola súa execución pero non necesariamente pola súa pureza. A gran maioría das veces o método reside na formación dunha base que resolve comodamente todas as posíbeis hipóteses, pero a diferenza das composicións artísticas; nin método, nin base, teñen porque ser únicos pois a nivel práctico o que realmente interesa é facilitar o desenlace.
Todos adoitan ser clasificados por correlación de forzas especificando pezas e cantidade por bando, aínda que algúns de aparición moi frecuente tamén teñen denominación propia. Neste último caso son especialmente célebres a «Forzosa», A «Barca», o «Saque de Peón» ou os diferentes «Pases».
Moitas veces aos «finais técnicos» tamén se lles chama «finais prácticos», pero esta é unha designación que de forma xeral engloba tamén a certos «finais artísticos» e «estudos» que polas súas características presentan algún motivo que poida resultar de utilidade no campo práctico.
Poderíamos agora poñer algún exemplo máis, pero non entendemos que sexa necesario, nos 13 anos que levamos co blog xa publicamos un bo número deles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario