sábado, 29 de xaneiro de 2011

Alex Moiseyev

Alexander Moiseyev naceu en Moscú no ano 1959. Comezou xogando ás damas rusas (64 casiñas) pero tamén estudou o xogo internacional (100 cadros) converténdose nun experto en ambas as dúas modalidades antes dos 15 anos. Cursou estudos de informática e coa súa dona emigrou aos Estados Unidos no 1991. Xa como cidadán americano chegou a gañar o Campionato Nacional en damas internacionais, pero animado pola fama do lendario Marion Tinsley mudouse á versión angloamericana coñecida como «Checkers». Segundo ten contado conseguiu comprender os segredos desta modalidade analizando minuciosamente os xogos do seu ídolo e deste xeito no ano 1998 acadou o segundo posto no "Nacional Americano" en apertura sorteada e ao ano seguinte proclamouse vencedor en apertura libre.

Alex Moiseyev (no ano 2009)

A pesar de que axiña se decatou que nos Estados Unidos non se ten a mesma estima polas damas que na súa Rusia natal (onde as consideran coma unha actividade de similar categoría que o fútbol, o baloncesto ou o atletismo), nunca perdeu o amor por este xogo ao que lle dedica moitas horas de estudo. Referíndose a isto, a súa muller revelou en certa ocasión que cando non está traballando ou durmindo, el só pensa no xogo de damas, ao que alguén lle replicou que non sería para tanto e anecdoticamente a señora contestoulle: "Si, Alex tamén di o mesmo".
Con ese interese e dedicación non tardou en converterse nun dos mellores xogadores da especialidade e no 2001 derrotou en match ao escocés Billy Docherty e gañou o dereito a loitar polo título mundial en posesión do mestre de Barbados Ron King. O encontro non se puido disputar por non atopar patrocinadores, pero despois de volver clasificarse de novo, por fin consegue xogar contra King no ano 2003 e gaña brillantemente o título mundial (apertura sorteada a 3 lances). No período comprendido entre 2002 e 2009 disputa 60 torneos alcanzando o primeiro lugar en 55 ocasións. Despois de dúas defensas no 2005 e 2009 mantén o galardón mundial na actualidade. En agosto do ano en curso, no que se espera sexa un apaixonante enfrontamento, terá que defender por terceira vez a súa prezada coroa contra o gran mestre italiano Michele Borghetti.
Moiseyev é un gran compositor de problemas en varias modalidades de damas e tamén escribiu un libro titulado "Sixth" ["Sexto", o lugar que ocupa na sucesión de xogadores que foron conseguindo o título mundial en apertura sorteada a 3 lances]. Neste libro analiza finamente moitas das súas partidas.
Agora imos nós tamén comentar dous dos seus xogos intentando amosar unha pequena mostra do seu estilo.
***
Alexander Moiseyev vs. Earl Morrison
12 º Campionato dos Estados Unidos [GAYP]
Cataratas do Niágara [Nova York], 1999
«Partida Clásica»
1.12-15 ...
Hai xa algún tempo que os campionatos de Norteamérica xóganse de forma alternada. Un ano toca «apertura Libre» [“GAYP” na súa nomenclatura] e ao seguinte «apertura sorteada» [coñecida como “3 move” por ser o azar quen dita os tres primeiros lances]. Neste caso non había restrición e Alex iniciou o xogo coa «Paralela». Unha apertura inferior a 1.10-14 xa que debilita o máis vulnerable flanco esquerdo, pero mellor que o resto porque move un peón cara ao centro.
1. ... 23-20;
As negras aínda que se dirixen ao lado que acaba de debilitar o rival non ameazan nada. Mellor sería 1. ... 23-19 movendo desde o flanco máis sólido cara o centro.
2.10-14 ...
A máis forte e mellor xogada. Ocupando unha casiña central e abrindo paso aos peóns do río.
2. ... 28-23;
Con esta e as xogadas que seguen ata a cuarta do branco, ambos os dous contrincantes perseguen o mesmo obxectivo estratéxico: Achegar as pezas máis afastadas ao medio do taboleiro.
Se as negras se retrasan nesta tarefa e efectúan un segundo movemento lateral como 2. ... 20-16; a ocupación da «casiña dique» con 3.14-18, permite alcanzar unha forte posición ao primeiro xogador.
3.05-10 ...
Moi xogada e boa [pero non tan forte como contra 2. ... 20-16] é a alternativa da «Partida do Dique» con 3.14-18, 21x14; 4.11x18, 20x11; 5.07x14, 22x13; 6.09x18, que adoita ser contestada con 6. ... 24-20; ou coa continuación de Shearer 6. ... 31-28 que ten por idea facer o cambio 23-19 para deixar illado o peón branco de «18».
3. ... 32-28;
Se 3. ... 20-16; é habitual seguir con 4.08-12 con idea de pasar á «Confusa» tras 4. ... 22-18; 5.02-05, 27-22; 6.10-13 etc. Ou tamén se pode optar por 4.10-13 entrando na «Partida Crítica Pioneira».
4.01-05, 22-18;
O típico movemento de pinzas que, efectuado tanto agora como nas dúas anteriores movidas, traspón o xogo ás aperturas derivadas de 1.10-14, 22-18.

POSICIÓN DESPOIS DE 4. ... 22-18;
5.07-12 ...
As brancas decídense pola «Partida Clásica». Pero o lector debe notar que con "01-05" xa xogado a elección só é boa porque as negras tamén teñen movido o peón de "32". Nesta partida tras 1.10-14, 22-18; 2.12-15, 23-20; 3.07-12, 20-16; 4.03-07, 28-23; 5.05-10, se agora as negras non fan 5. ... 32-28 e escollen a liña 5. ... 23-20; o máis axeitado é seguir con 6.15-19, xa que 6.01-05 deixa ao primeiro xogador nunha situación precaria tras 26-22!
5. ... 20-16;
E as negras, como adoita ser habitual nesta situación, entran na liña aceptada.
6.03-07 ...
Tapando o burato e evitando o cambio que debilitaría á estrutura branca. Chegamos así a unha posición moi coñecida que xa foi estudada por nós. Trátase da «Liña A» da «Partida Clásica» publicada en setembro do ano pasado neste blog.
6.... 27-22;
A idea primitiva de Pedro Ruíz Montero [1591] que continuaba con 6. ... 23-20 para tras 7.15-19 facer a ruptura na casa «15» deixa as negras en posición moi inferior polo que é mellor seguir coa máis moderna 7. ... 27-23.
A continuación deste xogo era a favorita do mítico campión americano Walter Hellman, con todo a liña máis xogada é 6. ... 21-17; un cambio que se efectúa na procura de maior mobilidade para as pezas negras.
7.15-19 ...
O gran mestre inglés Derek Oldbury xogou en certa ocasión 7.15-20 contra Hellman.
7. ... 22x15; 8.11x27, 18x11;
Xogable é 8. ... 31x22; 9.14-19, 22x15; 10.12x19, 26-22; 11.19x26, 29x22; 12.10-14, 18x11; 13.06x15, 21-17; 14.05-10, 28-23; 15.07-12, 16x07; 16.04x11, 30-26; 17.08-12, 26-21; 18.10-14, 21-18; 19.14x21, 25x18; 20.02-06, 23-19; 21.06-10, 17-13; 22.10x17, 19-14; para empate;
Por contra, se 8. ... 30x23; as brancas montan unha formidable posición tras 9.12-15, 18x11; 10.07x14, 21-17; 11.09-13, etc.
9.06x15, 31x22; 10.15-19 ...
Mellor que 10.15-20, 24x15; 11.12x19, 22x15; 12.07-12 con empate fácil dado por Richard Fortman en "Basic Checkers".
10. ... 22x15; 11.12x19, 30-27;

POSICIÓN DESPOIS DE 11. ... 30-27;

12.10-14 ...

Parecía obrigado xogar 12.08-12 para defender o peón e incluso as brancas adquiren unha importante vantaxe tras 12. ... 27-22; 13.12-15. Mais nese caso debe continuarse con 12. ... 24-20; e despois de 13.12-15!, 20x11; 14.07x14, 16-12; o empate está perto.

12. ... 27-22; 13.09-13, 22x15; 14.13-17 ...

Tras o sacrificio de peón, agora dous frean a catro polo que as brancas conservan unha lixeira vantaxe.

14 ... 24-20;

Era preferible 14. ... 15-11; ao que podía seguir 15.14-19, *11-06; 16.02x11, *21-18; 17.17-21, 26x17; 18.19-22, 17-13; 19.22-27, 13-09; 20.11-15, 09x02; 21.27-30, 02x20; 22.07-12, 16x07; 23.30x03, 18-14; 24.04-07, *25-21; 25.03-17, 21-18; 26.17-21 con empate.

15.05-10, 28-24;

En caso de 15. ... 28-23; 16.07-11, 15x06; 17.02x11, 23-19; 18.14x23 as brancas pode que gañen, por exemplo se 18. ... 21-18; 19.10-14, 18-13; 20.23-27, 13-10; 21.27-31, 10-05; 22.31-09, G.B.

16.10-13 ...

POSICIÓN DESPOIS DE 16.10-13 ...

16. ... 15-11 [??];

Era imprescindible seguir con 16. ... 15-12; e tras 17.08x15, 20x11; 18.14-19, 24-20; 19.07x14, 20-15; 20.19-23, 15-11; 21.23-28, 16-12; 22.28-32, 12-07; 23.14-19, 07-03; 24.02-06, 03x23; 25.32x07, 21-18; 26.07x30, 29-26; 27.30x21, 25x09; [EMP].

17.14-19, 20-15; 18.07x14, 15-11; 19.19-23 G.B.

Esta importante vitoria sobre o gran mestre canadense catapultou a Moiseyev cara a consecución do seu primeiro título nacional.

* * * * *

Alexander Moiseyev vs. William Docherty
Match de clasificación para o Campionato do Mundo
Morecambe (Inglaterra), 2001
«Partida Contra-Española Recusada»

1.10-14, 23-20; 2.05-10 ...

Este encontro foi disputado baixo a restrición americana e esta foi a apertura que deparou o sorteo. De xogarse con apertura libre ou con sorteada a dous lances [neste caso sería a «Diagonal Incidente»], as brancas podían escoller 2.12-15 ou o habitual 2.14-18 para entrar na «Partida do Dique» unha boa forma de loitar contra o movemento lateral das negras.

2. ... 22-18;

As negras derivan a un esquema de corte clásico. Este era o sétimo xogo do match e o gran mestre escocés gañaba nese momento por tres vitorias a cero, con outros tantos empates e non lle conviña meterse en vereas menos exploradas.

A réplica con 2. ... 28-23; permite 3.12-16 entroncando na famosa «Partida Heroica» xa coñecida dos nosos lectores.

Máis ousada pode resultar 2. ... 20-15; [unha alternativa durante anos repudiada ata que foi xogada con éxito por Willian Beatty no Torneo de Londres de 1891] e que tras os cambios 3.12x19, 22x15; 4.11x20, 24x15; ten como mellor contestación 5.09-13.

3.01-05 ...

Estratexicamente correcto. Desenvolve os peóns da gran diagonal sen definirse aínda no outro flanco. Ten o inconveniente de que se as negras xogan 3. ... 27-22; hai que estar preparado para xogar a «Partida Española» [moi estudada e por tanto pouco apta para intentar sorprender], xa que tanto a «Napolitana» [4.14-19, 22x15; 5.12x19, 20-15; 6.11x20, 24x15], como a «Partida Central» [4.12-15, 28-23; 5.14-19] permiten ás negras xogar con absoluta comodidade. Nótese tamén que neste último caso as brancas perden a iniciativa se entran na «Partida Clásica» pois tras 5.07-12, 20-16; 6.03-07, pódese responder con 6. ... 23-20; unha variante menor na que o ter xogado o peón de «1» supón unha perda de tempo.

No lugar do lance escollido por Moiseyev, moitos prefiren 3.10-13 entrando na sólida «Partida Escocesa». Posible é tamén 3.02-05 que forma a «Partida Alma», pero debido a súa flexibilidade, quizais sexa máis habitual 3.12-15.

3. ... 28-23;

Se 3. ... 20-16; 4.12-15, 27-22; 5.14-19, 21-17; 6.10-14, 25-21;7.05-10, 30-27; estamos na «Partida Española».

4.12-16 ...

Ao ir perdendo, Alex decídese por este lance menos habitual que o típico 4.12-15.

Esta posición tamén se pode alcanzar na «Partida Heroica» despois de 1.10-14, 24-20; 2.12-16, 28-24; 3.05-10, 22-18?; 4.01-05, pero como vimos nun estudo publicado neste blog, as brancas poden xogar mellor 4.08-12 que lle proporciona unha vantaxe esmagadora.

4. ... 26-22;

Entrando por transposición nunha variante da «Contra-Española Recusada».
Outra posible liña da mesma partida sería 4. ... 27-22; que adoita ser seguida con 5.08-12!, 31-28! Pero se 5. ... 22-19; as brancas collen vantaxe tras 6.12-15, 19x12; 7.14-19!

Por contra, esta considerada como máis débil 4. ... 20-15; xa que tras 5.11x20, 18x11!; 6.06x15, 23-19; 7.15x22, 24x15; 8.02-06, 26x19; 9.07-11, 21-18; 10.11x20, 32-28; 11.10-13 ... [Nótese que se 11.20-23 perde por xudía] 11. ... 28-24 as brancas teñen vantaxe.

5.14-19 ...

POSICIÓN DESPOIS DE 5.14-19 ...

Aquí o normal é seguir con 5.07-12, 22-19; 6.12-15, 19x12; 7.08x15, 27-22; 8.03-07 ... [Se 8.04-07 moi utilizado no xogo angloamericano, perde na nosa modalidade co golpe 8. ... 22-19; 9.15x22, 20-15; 10.11x27,18x04; G.N.] 8. ... 21-17; 9.14x21, 25x18; 10.11-14 etc.

Pero o actual campión mundial sinte especial predilección polas liñas «exóticas» e non é de extrañar que, ao igual que no xogo anterior, intente sorprender ao rival cun gambito.

5. ... 22x15;

Se 5. ... 23x14; 6.10x26, 29x22; 7.16x23, 27x20; 8.05-10, as brancas controlan o centro e teñen opcións de atacar o debilitado flanco do dobre curruncho negro.

6.10-14, 21-17;

Se as negras contestan con 6. ... 27-22; [unha xogada que non ven explicada directamente na Enciclopedia Damista, pero que chega a ela con 4. ... 27-22; e agora 6. ... 26-22;] 7.07-12, 22-19: 8.05-10, 30-26; [Mala é 8. ... 31-28; xa que, como se indica no "Tratado da Enciclopedia Damista", as brancas poden aplicar o golpe de Antonio Costa 9.10-13*, 19x10; 10.12x19*, 23x07; 11.03x12*, 10x03; 12.16x22*, 03x27; 13.13x21 e deben G.B.] 9.10-13, 19x10; 10.12x28, 32x23; 11.13x22, 26x19; 12.06x13, 19-14; 13.11x18, 21x14; 14.13-18, 20-15; 15.03-06 [Ata aquí como na análise do Dr. Sena Carneiro] 15. ... 31-27!; 16.04-07, 29-26; 17.09-13, 14-10; 18.07-12 EMP.

Igualmente se 6. ... 23-19; 7.14x23, 30-26; [traspón á liña 4. ... 27-22; 5.14-19, 22x15; 6.10-14, 23-19; 7.14x23, 30-27] 8.23x30, 21-17; 9.30x14, 31-28; 10.16x23, 28x01; 11.11x20, 24x15; 12.07-11, 32-28; 13.11x20, 28-24; [liña de Américo da Ressurreçao] 14.06-10,01x16; 15.08-12, 16x07 [EMP] tal como aconteceu no ano 1993 no Torneo Pre-Nacional portugués de Lisboa entre os mestres Medalha da Silva e Veríssimo Dias.

Pero se 6. ... 31-28; segue 7.05-10, 27-22; 8.07-12, 22-19; e o mencionado golpe de Costa que comeza con 9.10-13.

7.14x21, 25x18; 8.05-10, 23-19;

Se 8. ... 27-22; a posición tamén se podía alcanzar con 4 ... 27-22; e agora 8. ... 26-22; pero na Enciclopedia Damista nada se menciona. Podería seguir 9.07-12*, 23-19!; 10.16x23, 29-26; 11.11x20, 24x15; 12.03-07, 31-28; [ Se 12. ... 31-27; 13.06-11! Ou se 12. ... 18-14; 13.02-05, 31-27; 14.07-11, 27x20; 15.11x27, 30x23; 16.09-13, 26-21 EMP.] 13.07-11, 28-24; 14.11x20, 24x15; 15.04-07, 18-14; 16.23-27!, 14x05; 17.07-11!, 30x23; 18.11x27, 05-01; 19.12-16 ... [non 19.27-30, 32-28; 20.30x21, 17-13; 21.09x27, 19-15; 22.12x19, 01x03 un precioso G.N.] 19. ... 26-21; 20.27-30, 22-18; 21.06-10, 01x14; 22.30-26, 32-28; 23.26x15, 28-24; 24.16-20, 14-32; 25.08-12, 32-14; 26.16-12 e 15-22 EMP.

9.16x23, 27x20; 10.11-14 ...

Tamén resulta sumamente interesante 10.10-13. Xa que despois de 10. ... 17x10; 11.06x22, 15x06; 12.03x10 as brancas teñen un ataque moi potente.

10. ... 18x11; 11.07x23, 31-27;

Xogada coa que as negras pretenden gañar outra vez un peón. Nótese que se no seu lugar xogan 11. ... 31-28; 12.23-27, 30x23; 13.09-13, 15-11; 14.06x15, 20x11; 15.13-18, 23-19; 16.18-22, 24-20; 17.22-27, 19-15; 18.27-30, 28-23; 19.10-14, 17-13; 20.14-19, 23x14; 21.30x16 G.B.

12.09-13! ...

Facendo entrar en xogo o peón afastado.

12. ... 15-12;

Se 12. ... 27-22; segue 13.10-14. Ou se 12. ... 15-11; 13.06x15, 20x11; 14.03-07, 27x20; 15.07x14 con gran vantaxe branca en ambos os dous casos.

Igualmente se 12. ... 20-16; 13.13-18!, 27x20; 14.03-07, 30-27; 15.06-11, 15x06; 16.02x11, chégase a un final moi difícil para as negras no que teñen que enfiar moi fino para intentar conseguir o empate.

13.08x15, 20x11; 14.06x15, 27x11; 15.03-07 ...

POSICIÓN DESPOIS DE 15.03-07 ...

15. ... 29-26;

Perde. O empate chegaba con 15. ... 11-06; 16.02x11, 30-27; 17.13-18, 24-20; 18.11-14, 20-15; 19.14-19, 29-25; 20.19-22, 25-21; 21.18x25, 27x18; 22.07-12, 15x08; 23.25-29, 17-13!; 24.10x17, 18-14; 25.29-25, 14-10; 26.15-02, 32-28; 27.17-21, 28-23; 28.21-26, 23-20; EMP.

16.07x14, 26-22; 17.14-18, 22-19;

Xa non había salvación. As brancas sempre coroan un peón.

18.18-21, 32-28; 19.21-25, 19-14; 20.10x19, 17x10; 21.19-22, e Docherty axiña detivo o reloxo. [1-0]

O match disputouse en Morecambe, unha poboación do noroeste de Inglaterra, en cuxa baía podemos atopar perigosas zonas de areas movedizas e onde as mareas son enormemente traizoeiras pois segundo se di hai veces que crecen cunha velocidade similar á que pode correr un cabalo.

Con esta victoria, igual que as debastadoras mareas de Morecambe, Alex comezou a remontada e acabou impoñéndose no match con 5 xogos gañados, 4 perdidos e 11 empates. Conseguiu así o dereito a enfrontarse co campión mundial Ron “Suki” King aínda que por falta de patrocinadores non se puido celebrar o evento. A «ACF» desposuíu do título a King e organizou un enfrontamento entre Lowder e Moiseyev que gañou o noso biografiado, pero o resto de federacións non aceptaron a decisión. No ano 2003 créase unha Federación Mundial da modalidade [WCDF] e disputouse o esperado match no que Moiseyev derrotou a King con aplastante superioridade sendo proclamado campión do mundo en apertura sorteada a 3 lances.

venres, 21 de xaneiro de 2011

Xoguiño do Torneo "Ramiro José"

Nuno Vieira vs. Veríssimo Dias
Torneo do «Ramiro José» [Lisboa, 2010]

1.10-14, 23-19;
Entrando na popular «Partida do Río». En apertura libre esta é a forma máis empregada para iniciar os xogos e tamén a máis estudada. O libro do Dr. Cárceles Sabater, último dos grandes clásicos da literatura damista, está integramente dedicado a esta apertura.

2.14x23, 28x19;

Obviamente as negras podían tomar para o outro lado, pero seguindo os principios que rexen a máis estrita estratexia é preferible mover cara ao centro. Segundo o gran mestre inglés Derek Oldbury nesta apertura cámbiase espazo por tempo e agora son as brancas as que conservan unha minúscula vantaxe debido a que teñen a vez.

3.05-10 ...

A idea orixinal presentada en 1591 no libro do cordobés Pedro Ruíz Montero. As brancas pretenden achegar os peóns do río aos cadros centrais. Tamén se adoita xogar primeiro 3.09-13 (Liña moderna) para intentar colocar antes esta peza nunha máis forte posición na casa «17».

3. ... 32-28;

As negras tamén dirixen os seus efectivos á zona principal do taboleiro.

4.12-16 ...

Establecendo a combativa variante «Lateral Esquerda», así denominada polo Dr. OAL porque se despraza este peón para ese lado do dameiro. Evítase deste xeito o cambio de dous peóns con 4. ... 19-15, unha manobra defensiva que se queren poden aplicar as negras contra a máis conservadora 4.01-05.

4. ... 28-23;

Contra 4. ... 21-17; é corrente seguir con 5.11-14, 28-23; 6.08-12, 26-21; 7.07-11, 21-18; [Se 7. ... 29-26; 8.02-05!, 24-20; 9.04-08, 20-15; 10.11x20, 22-18; 11.12-15, con gran vantaxe das brancas como en Delfim Alves vs. Luis Carvalho; 21º Campionato de Portugal, 2001] 8.14x21, 25x18; 9.03-07 que leva a xogos complicados cuxo coñecemento teórico é necesario coñecer para evitar as múltiples trampas que conteñen.

Tanto 4. ... 19-14 como 4. ... 19-15; son moi malas e deben evitarse, porén é perfectamente xogable a «Defensa Toledana» con 4. ... 27-23; ao que pode seguir 5.08-12, 21-18; [ou se 5. ... 21-17; 6.11-14] 6.10-13, 24-20; 7.04-08, 28-24; 8.06-10, 31-28!; 9.01-05 e as brancas están lixeiramente mellor.

5.07-12 ...

Unha liña sobre a que existe moi pouco publicado, pois o habitual é seguir 5.08-12.
Para fuxir desta ben estudada variante, amais do 5.07-12 escollido polo novel talento Nuno Vieira, na práctica actual estase xogando moito 5.11-14 que pode ser ben contestada con 5. ... 21-18; 6.14x21, 25x18; 7.08-12, 26-21; [ou 7. ... 24-20; 8.07-11, 20-15; 9.11x20, 19-14; 10.05x28, 31x08; 11.16-20, 27-23;] 8.06-11, 21-17; 9.11-15, 18-13; 10.09x18, 22x06; 11.03x10, 30-26; 12.15x22, 27x18 etc.
Inferior é a continuación 5.01-05, 21-17; 6.07-12, [aquí non valería 6.08-12 por 25-21; 7.11-15, 21-18; 8.07-11, 31-28! e segundo a Enciclopedia Damista as negras deben gañar] 6…. 25-21!; e agora se:

• 7.12-15, 19x12; 8.08x15, 22-19!; 9.15x22, 26x19; 10.03-07, 27-22!; con moi bo xogo para as negras. Na Enciclopedia Damista segue con 11.11-14, 24-20; 12.07-12 dando o xogo por favorable para as brancas, pero en realidade a vantaxe negra é abafante se continúan con 12. ... 20-15 ou 12. ... 29-25.

• 7.11-15, 21-18!; 8.06-11, 31-28; 9.02-06 ... [nun xogo amigable disputado en Lisboa no 1951, Luis Antonio David derrotou a Adelino Ribeiro con 9.03-06, pero o certo é que as negras gañarían se (en vez de 29-25) xogasen 9. ... 19-14; 10.10x19, 23x07; 11.04x11, 22-19; 12.15x31, 28-23; 13.31x13, 17x03 G.N. tal como indicou Jacinto Joaquim na revista portuguesa “Vamos Descifrar” do 16 de decembro daquel ano] 9. ... 19-14; 10.10x19, 23x07; 11.04x11, 22-19; 12.15x31, 28-23; 13.31x13, 17x01; 14.11-14, 01x19; 15.12-15, 19x12; 16.08x15, 26-22; 17.09-13, 23-19; [Ata aquí como na Enciclopedia Damista] 18.15-20!, 24x15; 19.13-18, 22x13; 20.06-11, 15x06; 21.03x17 e as brancas chegan a tempo a «31» para cortar o pase dos peóns e conseguir o empate.

• 7.11-14 (a mellor), 22-18; 8.03-07, 18x11; 9.06x22, 26x19; 10.07-11, 27-22; 11.12-15, 19x12; 12.08x15, 21-18; 13.10-14, 23-19!; 14.14x23 e xudia mediante 22-19 e 31-27 que leva a xogo igualado.

5. ... 21-17;

Nun xogo entre Hakther e Verissimo_D disputado na «Ludoteka» en xuño do 2010, as negras escolleron 5. ... 22-18; e tras 6.10-14, 19x10; 7.06x22, 26x19; 8.11-15 … [máis segura é a continuación con 8.12-15, 19x12; 9.08x15, 21-18; 10.01-05 etc.] 8. … 27-22; 9.04-07, 21-18; 10.07-11, 25-21; 11.01-05, 21-17; 12.05-10, 30-27; 13.02-06, 18-13; 14.09x18, 22x13; 15.15x22, 27x18; 16.11-15 rematou en empate unhas poucas xogadas máis tarde. Nótese que se 16. ... 13-09; seguiría 27.15-20, 24x15; 28.12x28, 31x24; 29.06-13 EMP.

Na Enciclopedia Damista só trae a continuación 5. … 21-18; ao que segue con 6.12-15, 19x12; 7.08x15, 23-19; [nun xogo do 22º Campionato de Portugal que enfrontaba a Veríssimo Dias vs. Vaz Vieira, disputado en Odemira no ano 2002, seguiuse con 7. ... 22-19; 8.15x22, 26x19; 9.10-14, 19x10; 10.06x22, 27x18; 11.01-05, 23-19; 12.05-10, 30-27; 13.03-07, 19-15; 14.11x20, 24x15; 15.07-11, 15x06; 16.02x11, 25-21; 17.04-07, 21-17; 18.07-12, 29-26; 19.12-15, 26-22; 20.10-14, 18-13; 21.09x18, 22x13; e aquí acordouse o empate] 8.15-20, 24x15; 9.11x20, 27-23; 10.20x27, 30x23; 11.06-11, [Se 11. … 31-28; 12.10-13!, 28-24; 13.01-05, 26-21; (en caso de 13. … 19-14; as brancas gañan de golpe con 14.16-20, tal como aconteceu nun xogo Jorge Gomes Fernandes vs. Mario Dinis Vaz pertencente ao «3º Campionato de Almada», 1959) 14.05-10, 21-17; 15.03-07 con idea de 07-12 e 04-08 G.B.] 11. ... 25-21; [Preferible é a nosa recomendación 11. ... 31-27;12.01-05, 18-14; 13.11x18, 22x06; 14.02x11, 25-21; 15.03-07, 27-22; 16.05-10, 21-17; 17.11-15 con empate máis doado.] 12.02-05, 31-28; 13.10-13, 28-24; 14.04-07 con EMP.

Aínda que neste momento parece un pouco mellor 14.03-07, 19-14; [se 14. … 24-20; 15.07-12, 19-14; 16.12-15, 14x07; 17.04x11, 23-19; 18.15x24, 19-14; 19.11-15 e as brancas teñen moitas posibilidades] 15.05-10, 14x05; 16.11-15, 26-21; 17.07-11, 26-21; 18.07-11, 23-19; 19.04-08, 19x12; 20.08x15, 29-25; 21.16-20, 22-19 EMP.

6.11-15 …

Un seguro seguimento é 6.12-15, 19x12; 7.08x15, 23-19; 8.15-20, 24x15; 9.11x20, 27-23; 10.20x27, 30x23; 11.06-11, 26-21; 12.02-05 con xogo igualado.

A opción 6.01-05 fai traspoñer o xogo á xa mencionada variante que se alcanza vía 5.01-05, 21-17; 6.07-12.

6. … 26-21;

Unha continuación moi interesante. Posibles alternativas son:

• 6. ... 25-21; 7.03-07, 21-18; 8.07-11, 31-28; [Agora 8. ... 29-25; 9.01-05!, 31-28; 10.04-07, 25-21; 11.15-20, 24x15; 12.11x20, 19-14 deixa o xogo igualado pero en cambio 8. ... 23-20; 9.16x23, 27x20; 10.12-16, 19x12; 11.08x15, 31-27; 12.16x23, 27x20; 13.10-14 dá vantaxe ás brancas] 9.15-20, 24x15; 10.11x20, 19-15; 11.12x19, 23x05; 12.01x10, 27-23; 13.20x27, 30x23; 14.06-11 con xogo máis ou menos equilibrado.

• Se 6. ... 23-20; 7.16x23, 27x11; 8.06x15, 31-27; 9.04-07, 27-23; 10.03-06, 23-20; 11.06-11, 19-14; 12.11x27, 20x04; 13.27-31 con igualdade.

7.03-07 …

Unha cuestión de elección persoal, pois tamén se podía escoller 7.06-11 e despois de 7. ... 21-18; 8.03-06 a posición é a mesma que na partida.

7. … 21-18; 8.07-11 …

Centraliza o peón impedindo 18-14 e apoia un futuro corte con 15-20.

8. … 23-20;
Se 8. ... 29-26; segue 9.01-05 ... [movemento de espera superior a 9.15-20] 31-28; 10.04-07, como xa indicamos nos comentarios da xogada sexta [6. ... 25-21], liña á que traspón o xogo.
A famosa confrontación entre os míticos Luis Antonio David e Adelino Ribeiro á que faciamos referencia anteriormente alcanzou esta mesma posición [despois da novena xogada] por diferente secuencia de movementos, aínda que neste caso as negras non teñen a opción de xogar o lance gañador que apuntou Jacinto Joaquim. David seguiu con 10.15-20, [en vez de 04-07 que é o mellor] e despois de 10. ... 24x15; 11.11x20, 28-24; 12.04-07, 24x15; 13.07-11, Ribeiro volveu ter unha magnifica oportunidade se continuase con 13. ... 23-20!!; pois se 14.16x23, 27x20; 15.12-16, 19-14; 16.10x19, 18-13; 17.09x27, 30x07; as negras teñen unha vantaxe moi prometedora. Mais o "Campión do Norte" moveu 13. ... 26-21; e terminou perdendo.

9.16x23, 27x20; 10.12-16, 19x12; 11.08x15, 31-27; 12.16x23, 27x20;

POSICIÓN DESPOIS DE 12. ... 27x20;

13.10-14?? …

Apurado polo reloxo, Nuno equivócase. Correcto era 13.01-05, 30-27; 14.10-14, 27-23; 15.14x21, 25x18; con posición equilibrada que podía seguir 16.05-10, 23-19; 17.04-08, 19x12; 18.08x15, 20-16 19.10-14, 29-25; 20.14x21, 25x18; 21.15-20 EMP.

13. … 30-27!;

Aínda que a xogada é practicamente forzasa, o Enxeñeiro Veríssimo atopa a réplica axeitada.

14.14x21, 25x18; 15.11-14 ...

Que facer? A ameaza de xudía con 22-19 impide as xogadas dos peóns da base e se 15.06-10 segue a evidente 18-13 G.N.

15. ... 18x11;

E as brancas están perdidas. Se 16.06-10, 27-23; 17.10-14, 22-18; 18.14x21, 20-16; 19.01-05, 16-12; 20.21-25, 12-07; 21.05-10, 17-13; 22.09x18, 07-03; 23.10-13, 03x17; 24.18-22, 23-19 G.N.

venres, 14 de xaneiro de 2011

Base de datos [12]

Despois das festas do Nadal retomamos as publicacións. Este non é o primero traballo do ano, pois como algúns dos lectores xa seguramente observaron, tivemos que modificar os comentarios do xogo entre Veríssimo Dias e Joaquim Silva porque os lances iniciais saíran en diferente orde. Igualmente grazas á axuda do "Blog Damas Clássicas" (que xa incluímos entre os nosos recomendados) podemos saber como finalizou realmente este fantástico duelo.
Tamén desde o noso apartado de "libros on-line" podemos acceder a un novo tratado. Referímonos á "MÉDULA EUTROPÉLICA Y CALCULARORIA QUE ENSEÑA A JUGAR A LAS DAMAS CON ESPADA Y BROQUEL", do famoso autor Pablo Cecina Rica y Fergel.
* * * * * * * * * * *
Hoxe imos ver un xogo que serve para completar os comentarios do James Smith vs. Charles F. Barker [entrada do sábado, 11 de decembro de 2010].


POSICIÓN DESPOIS DE 6. ... 31x08;
Numerique vs. Chawali
Ludoteka, 1-10-2010
[modalidade 1’+5”]
«Apertura Diagonal Vertente» [Gambito de Wyllie]

1.10-14, 22-18 [A]; 2.12-15, 23-20; 3.08-12 [B], 20-16; 4.15-19 [C], 18-13 [D]; 5.09x18, 27-22; 6.18x27, 31x08 [E]; 7.05-09 [F], 21-18; 8.14x21, 25x18; 9.01-05, 28-23; 10.05-10, 32-28; 11.10-14, 24-20; 12.14x21, 26x17; 13.11-14, 20-15; 14.02-05, 15-12; 15.06-11, 29-26; 16.09-13, 17x01; 17.11-15, 01x19; 18.15x29, 23-20; 19.29-19, 30-27; 20.19x32, 20-15; 21.32-10, 15-11*; 22.07x14, 12-07; 23.04x11, 08-04; 24.03-07, 27-22; 25.07-12, 12x07; 26.14-19, 22x06; 27.10x16 EMP.

[A] «Apertura Diagonal Vertente» de prognóstico igualado.

[B] Con idea de entrar na «Partida Fife». Así denominada por John Drummond na 2ª edición do seu tratado. Nesta partida as negras van permitir a súa definitiva formación, pero se escollesen 3. ... 27-22; entraríase na que se coñece como  «Fuga Americana» ou «Fife Rrecusada» e tras 4.12-16 poderíase contestar con 4. ... 21-17; ou con 4. ... 31-27; unha continuación que James Lee bautizou sarcásticamente como a «Defensa de Barker» despois de que este xogador americano empatase con ela 4 xogos contra Matty Priest e perdese contra o inglés Smith [ver aquí].

[C] Deste xeito queda configurada a «Partida Fife». Unha proposta de gambito descuberta polo gran campión escocés James Wyllie que, non obstante, en damas clásicas vese moi pouco no campo práctico. As brancas case sempre prefiren continuar con 4.06-10 para entroncar nas liñas da «Partida Confusa».

[D] As negras aceptan o gambito. Este termo (tomado do xadrez) serve para designar unha apertura na que se sacrifica un peón (a veces dous, como no famoso «Gambito de Garcez» da «Partida Española») para conseguir algún beneficio estratéxico.

[E] Completada a manobra de aceptación, chegamos á posición do diagrama.

[F] Nos primeiros tempos en que se aplicou este gambito adoitábase seguir con 7.14-19. Por exemplo nun enfrontamento James Wyllie vs. Robert Martins [Glasgow, 1867] continuouse con 7. ... 28-23; 8.19x28, 32x23; 9.11-15, 23-20; 10.15-19, 26-22; 11.19x26, 29x22; 12.05-10, 22-18; 13.01-05, 30-26; 14.05-09, 26-22; 15.10-13, 21-17; 16.06-10, 25-21; 17.02-06, 20-15; 18.07-12, 16x07; 19.03x26, 18-14; 20.10x19, 17x03 e terminou en empate. Isto ocorreu no xogo Nº42 do 4º match entre estes dous magníficos mestres de Escocia e Inglaterra. A pesar de que o encontro rematou con 7 vitorias de cada un e 46 táboas, o escocés retivo o título de campión mundial da modalidade angloamericana. Os seguidores de Wyllie non quedaron conformes con este resultado e dúas semanas despois tívose que disputar un «tie-break» a catro xogos no que, agora si, o seu ídolo gañou dúas veces empatando as dúas restantes.

sábado, 25 de decembro de 2010

Un xogo do «Torneo de Alabama»

En case todos os estados de Norteamérica celébranse torneos abertos anuais. Como é lóxico, calquera dos inscritos pode gañar o primeiro premio, porén resérvase o título de campión do propio estado para o xogador local mellor clasificado.
 
Hoxe imos ver un curioso xogo do «Torneo do Estado de Alabama» disputado os días 12 e 13 de novembro no «Restaurante Galley» de Halleyville. Larry Keen foi o brillante vencedor e Larry Pollard conseguiu coroarse como campión do estado.
 

Wayne Gober vs. Larry Keen
Torneo Open de Alabama, 2010
 
1.11-15, 21-18;
 
A resposta axeitada é 1. … 23-20; atacando o debilitado flanco. Pero a do texto movendo cara ao centro é unha forte alternativa, se temos en conta que as brancas debilitarían moito a súa estrutura no caso de efectuaren o cambio 2.10-14, que sería a xogada apropiada contra 1. … 23-19.
 
2.06-11 …
 
A teoría considera que é mellor 2. 07-11, coa mesma idea de apoiar o control da casiña central «14» pero sen deixar o burato provocado polo movemento da «peza punta» (denominación coa que o teórico Fran Tescheleit bautizou ao peón do cadro «6»).
 
Neste caso se 2. ... 26-21; pódese seguir con 3.12-16, ou xogar 3.10-14, para traspoñer á liña 3.07-12 da «Partida Anderson».
 
Máis adecuado sería 2. ... 23-20 (atacando o lado debilitado); 3.12-16, 25-21; 4.16x23, 28x12; 5.08x15, 32-28; 6.10-14, 27-23! etc.
 
Pero tamén se podería intentar 2. ... 23-19; 3.10-14, 19x10; 4.05x21, 25x18; 5.01-05, 28-23; 6.05-10, 23-19; 7.12-16, 19x12; 8.08x15 ... (unha posición indicada no «Tratado de Kear» á que se pode chegar desde a «Edimburgo»: 1.12-16, 21-18; 2.07-12) 8. ... 22-19; desvío seguido no xogo Joaquín Silva «Pardal» vs. Herminio Medalha da Silva do 18º Campionato de Portugal disputado en Porto no 1998 e que rematou en empate tras 9.15x22, 26x19; 10.10-14, 19x10; 11.06x22, 27x18; 12.03-07, 31-27; 13.02-05, 27-22; 14.05-10, 32-28; 15.11-15, 28-23; 16.10-14, 18x11; 17.07x14, 22-28; 18.14x21, 29-25; [EMP].
 
2. ... 23-19;
 
Se agora as negras fan 2. ... 23-20; pode seguir 3.12-16, 26-21; 4.16x23, 28x12; 5.08x15, 32-28; 6.10-14, 28-23; 7.05-10, 21-17; 8.14x21, 25x18; 9.02-05, como nun enfrontamento Joaquim Bravo vs. Manuel Custodio de 18º Campionato de Portugal (Porto 1998).
 
Outra posibilidade é 2. ... 25-21; con idea de se 3.10-14 eliminar o peón central con 23-19; 4.14x23, 28x19.
 
3.10-13 ...
 
Popular alternativa ao cambio con 3.10-14, 19x10; 4.05x21, 25x18; 5.01-05, 28-23; 6.05-10, 23-19; 7.12-16, 19x12; 8.08x15, 32-28; que debido á ausencia do peón «6» proporciona unha lixeira vantaxe negra.
 
3. ... 27-23;
 
Para entrar nunha coñecida liña da «Partida Crítica». Interesante é a continuación 3. ... 19-14; (favorita de Marion Tinsley) 4.02-06, 25-21; 5.13-17, 29-25; 6.06-10, 27-23; 7.10x19, 23x14; 8.03-06, 31-27; como no xogo nº 37 do match Willie Ryan vs Walter Hellman [disputado nas cidades de Oklahoma e Joliet, 1949].
 
4.05-10, 23-20;


As negras pretenden construír un esquema similar ao da "Partida Confusa" pero coas cores trocadas. Nótese que agora non valía xogar primeiro 4. ... 31-27; porque se pode aplicar o golpe 5.10-14 e 6.15-19, [GB].
 
5.11-14 ...
 
O máis xogado é 5.13-17. O lance 5.01-05, semella limitar as opcións.
 
Outra posible ruta sería 5.12-16, 19x12; 6.16x23, 28x19; 7.08x15, 19x12; 8.07x16, 32-28; 9.13-17, 28-23; 10.02-06, 31-27; 11.04-08, 23-20; 12.16x23, 27x20; etc; non obstante as negras quedan nunha posición moi favorable.
 
5. ... 18x11; 6.07x23, 28x19;
 
Se 6. ... 20x11; 7.03-07 e nada cambia con respecto á partida.
 
7. 03-07, 20x11; 8.07x23, 25-21;
 
Se 8. ... 31-28; (directamente) as brancas adquiren vantaxe con 9.23-27, 30x23; 10.10-14!
 
9.02-06 ...
 
Centralización que obriga practicamente xa a recuperar o peón.
 
9. ... 31-28; 10.23-27, 30x23; 11.13-17, 23-19;
 
O lance 11. ... 24-20 quizais sexa a máis forte réplica. Pode seguir 12.10-14! ... (Se 12.06-11, 20-16; 13.11-14, 16x07; 14.04x11, 23-20; as negras están nunha magnífica situación) 12. ... 22-18; 13.06-11, *20-16; 14.12-15, 16-12!; 15.15-20, 23x16; 16.08x15, 16-12; 17.15-20, 12-07; 18.20-14, 28-23; 19.01-05, 07-03; 20.05-10, 03x13; 21.11-15, 18x11; 22.09x25, 23-19; 23.15x22, 26x19; 24.17-21, 11-06; 25.21-26, [EMP]
 
12.04-07...
 
Sólida e completamente segura é a continuación 12.12-15, 19x12; 13.08x15, 28-23; 14.06-11, 32-28; 15.01-05, 23-20; 16.10-14, 28-23; 17.05-10, 22-19; 18.15x22, 26x19; 19.17x26, 29x22; 20.09-13, 19-15; 21.14-18, con posición equilibrada.
 
A xogada elixida polo veterano Gober, aínda que boa en «checkers», convértese nunha arma de dobre fío no xogo de damas clásicas. É verdade que crea algunha trampa como a que se produce na partida, ou mesmo se 12. ... 28-23; pódese aplicar a «xudía» con 12-15 e 06-11, pero non merece a pena arriscarse porque tras 12. ... 21-18! as negras quedan con vantaxe decisiva. Pódese tratar de defender con
13.01-05, pero tras 13. ... 24-20; 14.07-11 ... (Ou 14.12-16, 28-23; 15.06-11, 32-28; 16.17-21, 26x17; 17.07-12, 28-24; 18.12-15, 19x12; 19.08x15, 23-19; 20.16x23, 19x12; 21.23-28, 12-08; 22.11-15, 08-04; 23.28-32, 04-08; 24.15-19, 22x15; 25.32-23, 15-12; 26.23-16, 29-25; 27.16x07x21, 25x18; GN.) 14. ... 20-16; 15.12-15, 19x12; 16.08x15, 22-19; 17.15x22, 26x19; 18.10-13, 19-14; 19.13x22, 14x07; 20.22-27, 07-04; 21.27-31, 16-12; 22.31x24, 12-08; 23.09-13, 04-25; 24.06-10, 08-04; 25.24-02, 25-07; 26.02-15, 07-16; 27.15-08, 16-27; 28.05-09, 27-22; 29.08x26, 29x22; [GN].
 
12. ... 24-20;


Despois de moito pensar, as negras cometen unha terrible equivocación. A posición desexada polo seu rival podémola ver no diagrama seguinte.
 
13.*10-14 ...
 
Nun principio, as brancas semellan estar nun aperto, pero con este bonito recurso conseguen reverter esa errónea impresión.
 
13. ... 19x03; 14.12-16, 03x12; 15.08x31, [GB].
 
Ás negras, que ían un xogo arriba, non lles quedou máis remedio que renderse. O enfrontamento terminou con empate (1-1). A pesar da presenza de Álex Moiseyev ─campión mundial na modalidade de «checkers»─, na rolda final ambos os dous contendentes volvéronse ver as caras na «mesa 1» e nesta ocasión Larry non desaproveitou a ocasión para gañar o duelo e proclamarse campión do Torneo.

sábado, 18 de decembro de 2010

Torneos en Portugal [2010]



Joaquim Silva "Pardal"
[Blog de Jofedolgo]

Estamos a punto de entrar nas Festas do Nadal e non nos gustaría despedir o ano sen facérmonos eco da inmensa actividade damista desenvolvida polos nosos veciños de Portugal. Baixo os auspicios da súa Federación disputáronse eventos de categoría contrastada como o "Torneo Pre-Nacional", os Campionatos Nacionais (tanto de rápidas como de lentas) e o "IV Torneo Internacional" que este ano se celebrou en Lisboa.

Tamén se organizan numerosos torneos de rápidas a 5 roldas que se xogan case todos os sábados. Entre estes, grazas á xenerosidade dos seus premios, destaca especialmente o "Torneo de Sao Joao da Madeira" que este ano tivo un controvertido desenlace pois tanto o campión como o segundo clasificado fixeron o 100% dos puntos. Mais a pesar de detalles coma este, que poden ser revisados de cara a futuras probas, todos eles contan cunha concurrida participación. A continuación enumeramos os máis significativos e os seus respectivos vencedores.

Vaz Vieira saíu vitorioso no Torneo da Gouveia, no 4º Torneo Internacional (Lisboa), en San Joao da Madeira e na Baixa da Bañeira. Ademais conseguiu o seu 14ª título de campión de Portugal ao impoñerse no "30º Campionato Nacional Individual" celebrado en Lisboa.

Tiago Manuel gañou o Torneo dos Plebeus Avitenses e en Meruge. Tamén é o novo campión portugués na modalidade de rápidas ao adxudicarse o "9º Campionato Nacional" disputado en Figueiró dos Viños.

Víctor Oliveira gañou no Piñel, Lousado, A Covilha, Fajoes, Lobao, Oliveira de Azemeis e nos eventos do "Vai Avante" (S. Pedro da Cova) e das "Festas Bocageanas" (Setúbal). Tamén foi brillante vencedor do Pre-Nacional (o torneo clasificatorio para a final do "Campionato de Portugal" no que obtivo o segundo lugar).

Justino Miguel gañou en Romariz.

Nuno Vieira venceu no distrital de Lisboa, en Montijo e no Torneo da Estrela.

Joaquim Silva foi primeiro no "Torneo da Casa do F.C. Porto" de S. Joao da Madeira.

Idalino Lópes adxudicouse o distrital de Setúbal e Mario Silva o de Porto.

Fernando Pinto gañou no Torneo do Grupo Dramático "Ramiro José" (Lisboa) e en Montemor o Novo. Luis Sá en Paranhos da Beira e Medalha da Silva no Torneo da "Unión Setubalense".

Neste blog temos por costume incluír en todas as entradas unha parte técnica. Por desgraza a Federación Portuguesa non publica as anotacións dos xogos e os propios protagonistas a quen pedimos colaboración só nos prestaron unha moi pequena axuda.


Veríssimo Dias vs. Joaquim Silva “Pardal”
V Torneo de Baixa da Banheira, 2010


1.10-13, 21-18;

Apertura «Crítica Transversal» con lixeira vantaxe negra. As brancas moven un peón do flanco máis sólido, pero a saída é inferior ao 1.10-14 porque abandona o centro.

A resposta negra, tan popular como 1. ... 23-19, impide o ataque á «casa dique» con 2.13-18.

2.05-10, 23-19;

Ambos os dous bandos seguindo coa recomendable estratexia de desenvolver os peóns do Río.

3.11-15 ...

As brancas dispoñen de múltilpes opcións. Mais esta xogada ten por obxecto evitar que as negras se apoderen da casa dique (o cadro de "15").

3. ... 27-23;

Tratando de construír unha formación similar á da «Partida Confusa» pero coas cores trocadas.

4.01-05 ...

Hai veces nas que as brancas prefiren retrasar a saída deste peón. Moi vulgar é a continuación con 4.13-17, 23-20; 5.06-11, 31-27; 6.10-13, 27-23; [ou 6. ... 25-21; 7.12-16, 19x12; 8.16x23, 27x20; 9.07x23, 28x19; 10.11-15, 19x12; 11.08x15, 32-28; como en Joaquim Bravo vs. Medalha da Silva do 4º Cto. de Portugal; Río Tinto, 1984. Unha posición que tamén pode ser alcanzada desde a "Partida Paralela"] 7.12-16, 19x12; 8.08x15, 23-19; 9.16x23, 19x12; 10.07x16, 28x19; 11.01-05, 32-28; e agora 12.03-07, pero non valería 12.05-10 que perde tras 19-15 como no seu tempo se demostrou nun didáctico xogo Medalha da Silva vs. Veríssimo Dias da «I Copa da Enciclopedia Damista» celebrada en Almada no ano 1977.

4. ... 25-21;

Outra moi coñecida réplica é 4. ... 23-20; ao que se adoita continuar con 5.06-11, 31-27; e agora 6.13-17 [con idea de entroncar na liña que mencionamos no comentario anterior] ou 6.12-16 [recomendada por Joaquim Bravo na Enciclopedia Damista] 6. ... 19x12; 7.16x23, 28x19; [7. ... 27x20; 8.07x23, 28x19; 9.11-15, 19x12; 10.08x15, 32-28; 11.02-06, 28-23; 12.06-11, 23-19; con vantaxe negra] 8.08x15, 19x12; 9.07x16, 25-21; 10.13-17, 29-25; 11.10-14 [popular liña incluída na Enciclopedia de Kear] 11. ... 32-28; 12.03-06, 28-23; 13.05-10, 22-19; 14.10-13, 19x03; [xogado recentemente no "Open de Irlanda" entre Ron King vs. John McElhone; Dublín, 2010] 15.13x29! con posición equivalente.

5.13-17  ...

Agora a mellor.

5. ... 23-20; 6.06-11, 20-16;

6. ... 31-27; era unha posible alternativa, pero a do texto resulta sumamente atractiva.

7.02-06 ...

Movemento importante con idea de apoiar o corte 15-20 que impide o bloqueo que se produciría con 28-23.

Se 7.10-13, segue o consabido 28-23; e xa non se pode impedir a derrota pois con 23-20 as brancas quedan inmobilizadas.


POSICIÓN DESPOIS DE 7.02-06

7. ... 24-20!!;

Os grandes xogadores adoitan efectuar os seus propios estudos caseiros na procura de atopar xogadas inesperadas coas que sorprender ao rival. Este tipo de xogadas, coñecidas na literatura angloamericana como «cooks», moitas veces permanecen gardadas en secreto durante anos ata que os seus autores dispoñen da ocasión idónea para aplicalas.

O extraordinario lance do texto non ven en ningún libro nin tratado. É unha «cook», unha novidade teórica descuberta por Joaquim Silva e aplicada por primeira vez neste xa célebre xogo.

A continuación teórica publicada na «Enciclopedia Damista» é 7. ... 30-27. Neste caso o mellor sería seguir coa xudía 8.11-14, 18x02; 9.15-20, 24x15; 10.03-06, 02x11; 11.07x30, 16x07; 12.04x20, 31-27; 13.30x23, 28x19; 14.20-23, 32-28; 15.23x32, 22-18; con empate mostrado polo mítico campión lisboeta Luis Antonio David. Pero non é aconsellable o seguimento de Syder con 8.10-13, 28-23; 9.15-20, 24x15; 10.11x20, 19-14; 11.06-11, porque agora as negras poden facer 14-10! [Na "Enciclopedia Damista" continúa coa feble xogada 11. ... 32-28] e despois de 12.05x14, 22-19; 13.13x22, 19x10; 14.11-15, 27x18 teñen unha vantaxe abrumadora.

Coñecida tamén é 7. … 28-23; que pode proseguir con 8.15-20, 24x15; 9.11x27, 30x23; 10.06-11, 32-28; 11.12-15, 19x12; 12.08x15, 23-19; 13.04-08, 19x12; 14.08x15, 28-23; 15.15-20, 22-19; 16.20x27, 31x22; 17.03-06, 29-25; 18.10-13, 19-14; 19.06-10, 16-12; 20.10x19, 22x06; 21.13x29, 12x03; 22.17x26 [EMP.] como nun xogo Delfim Alves vs. Dr. Vasco Esperança disputado no 24º Campionato de Portugal; Foz do Arelho, 2004.

8.15x24, 28-23;

A posición é tremendamente interesante. Despois do sacrificio do peón as negras toman a iniciativa.

Este era o último xogo do enfrontamento entre estes dous magníficos contendentes. O «Pardal» gañaba por 1-0 e dispoñía aproximadamente duns 4 ou 5 minutos, mentres que o excampión portugués só contaba cuns 2 minutos e tiña a desvantaxe de camiñar nunha senda inexplorada para el.

9.11-15 …

Outras posibles continuacións serían:

a) 9.10-13, 23-20; 10.05-10 ... [10.12-15 está vedado, pois tras 10. ... 19x12; 11.08x15, 18-14; G.N.] 10. ... 32-28! [Nótese que se 10. ... 29-25; segue 11.24-28, 31x24 (11. ... 32x23; 12.12-15, 19x12; 13.08x24, 23-19; 14.11-15, 19x12; 15.06-11, 30-27; 16.10-14, 12-08; 17.07-12, 16x07; 18.03x12, 27-23; 19.12-16, 22-19; 20.13x29, 19x10; 21.17x26, 10-05; 22.26-30 e gañan as brancas) 12.12-15, 19x12; 13.08x15, 18-14; 14.11x27, 20x02; 15.10-14, 30x23; 16.03-06, 02x18; 17.13x29 G.B.] 11.12-15, 19x12; 12.08x15, 18-14; 13.11x27, 20x02; 14.13-18, 31x06; 15.24x31, 02-05; 16.03x10, 05x19 as negras están mellor, pero xogando con coidado o resultado debe ser de empate.

b) 9.12-15, 19x12; 10.08x15, 23-20!; [con idea de 18-14] 11.*15-19! ... [Única, se 10.10-13, 18-14 ou se 10.10-14, 16-12!!; 11.07x23, 22-19 G.N.] 11. ... 22x15; 12.*10-13, 30-27; 13.13x22, *27x18; 14.05-10, *16-12!!; 15.07x23, 29-25; 16.11x20, 18-13; 17.09x18, 21x05; 18.06-10 EMP.

9. … 23-20; 10.06-11 …

Non vale 10.07-11 por 16x07; 11.03x12, 18-14 G.N.

10. … 29-25!; 11.11-14, 18x11;

Se 11 . … 20x11; 12.14x23, 22-19; 13.07x14, 18x11; 14.09-13, 16x07; 15.03x12, 11-06; 16.23-28, 32x23; 17.13x18, 21x14; 18.12-15, 19x12; 19.10x28, 12-07; 20.04x11, 06-02; 21.28-32, 02x20; EMP.

12.07x23, 20x11; 13.12-15, 11-06; 14.15-20 [??] ...

14.08-12, 16x07; 15.04x11,06-02; 16.10-13, 31-27; 17.03-06, 27x20; 18.15-19, 22x15; 19.11-14 EMP.

14. ... 06-02; 15.03-07, 22-18 [??];

Os nervios traizoan ao Pardal. 15. ... 21-18 era a apropiada.

16.10-13, 18-14; 17.23-28 [??] ...

Veríssimo tamén se confunde. O mellor era 17. 24-28, 31x15; 18.23-27, 30x23; 19.07-12, 16x07; 20.04x27 EMP.

17. ... 32x23; 18.20x27, 30x23; 19.13-18, 02x20; 20.09-13, 14-10; 21.05x14, 23-19; 22.14x23, 20x30 [??];

Con 22. ... 20x27 aínda G.N.

23.18-22, 26x19; 24.17x26, 30x12; 25.08x22, 25-21; 26.22-26, 21-18; 27.26-29, 18-14 [??];

O erro definitivo. Con 27. ... 18-13 EMP.

28.29-12 G.B.

Despois dun frenético «toma e daca» rematou o xogo. Veríssimo colleitou unha inesperada vitoria cando curiosamente só lle quedaba 1 segundo para consumir o seu tempo.



"TRES E DAMA"
desexa a todos os seus lectores
UNHAS FELICES FESTAS

sábado, 11 de decembro de 2010

James Smith - C. F. Barker, "Gran Match Internacional" de 1888.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

James Smith vs. Charles F. Barker
«Gran Match Internacional» disputado en Spennymoor, 1888

1.10-14, 22-18;

Este xogo pertence a un famoso match disputado entre os campións de Inglaterra e dos Estados Unidos. Ambos os dous participantes escolleron a apertura «Diagonal Vertente» que ofrece igualdade de posibilidades.

2.12-15, 23-20;
As brancas buscan dominar o centro xogando desde os dous flancos e as negras pretenden o bloqueo efectuando dous movementos de "pinzas".
3.08-12 …

A «Fife» de Wyllie, unha boa alternativa ás tamén usuais 3.05-10 (continuación camaleónica que non define aínda o tipo de partida que se vai escoller), 3.07-12 (a famosa «Partida Clásica», xa estudada neste blog) ou 3.06-10 ("Partida Confusa"). Máis neste último caso as brancas deben coñecer ben a orde de xogadas para non caer en golpes como o que xorde tras 3. ... 27-22; 4.02-06 [?], 28-23!; 5.10-13, 23-19; 6.14x23, 18-14; 7.11x27, 20x02; [G.N.]

3. ... 27-22;

O habitual é 3. ... 20-16; ao que se adoita seguir con 4.06-10, 28-23; 5.10-13, 27-22; 6.02-06, 32-28; formando a famosa «Encrucillada da Partida Confusa».
Despois de 3. ... 20-16; tamén se podería elixir 4.15-19, 17-13; 5.09x18, 27-22; 6.18x27, 31x08; continuación coñecida como o «Gambito de Wyllie».

4.12-16 ...

Hoxe prefírese 4.06-10, 20-16; 5.10-13, entrando nos vieros da "Confusa".

4. ... 31-27;

A defensa favorita de Charles Francis Barker, un fortísimo xogador de Boston que chegou a empatar dous matches polo Campionato do Mundo nada menos que contra James Wyllie (no 1882) e contra Richard Jordan (no ano 1900). Foi o gañador do "1º Torneo Americano" en 1907, aínda que con anterioridade xa se tiña proclamado campión do seu país -na modalidade de matches- ao derrotar a Gus Heffner en Providence no ano 1886. Antes de disputar este enfrontamento amigable con Smith, revalidou o título en 1887 tras derrotar a James P. Reed en Pittsburgh.
Nesta posición as negras tamén dispoñen da opción 4. ... 21-17; 5.14x21, 25x18; 6.16x23, 28x08; 7.07x16, 32-28; 8.05-10, 28-23; 9.10-14, 29-25; 10.14x21, 25x18; 11.01-05, 23-19; 12.05-10, 19-14; 13.10x19, 22x15; 1411x20, 24x15; 15.16-20, 30-27; 16.06-10, 26-22; cunha moi confortable posición, tal como ocorreu nun xogo entre Willie Ryan e Walter Hellman do Torneo de Tacoma de 1939.
Por contra non é recomendable 4. ... 28-23; xa que despois de 5.14-19, 23x14; 6.16x23 as brancas teñen un gran xogo.

Charles Francis Barker
[Foto de Draughts Marvel]

5.16x23, 28x12; 6.07x16, 32-28;

Agora ambos os dous bandos seguen co habitual desenvolvemento dos peóns do río.

7.05-10, 28-23; 8.01-05, 23-20;

Unha boa proposta é 8. ... 21-17; 9.14x21, 25x18; 10.10-14, 29-25; 11.14x21, 25x18; 12.05-10, 23-19; 13.04-08, 19-14 con xogo igualado.

9.16x23, 27x23; 10.03-07 ...

James Smith
[Foto de CheckerWorld.com]

Unha xogada que se efectuou por primeira vez neste xogo. Con esta novidade, James Smith, un fontaneiro londiniense que saltou á fama despois de gañar o 1º Campionato de Inglaterra celebrado en Manchester no ano 1885, vai sorprender ao gran teórico americano.

10. ... 20-16; [VER DIAGRAMA]

Aparentemente boa, pero esta era a xogada que esperaba o inglés. Correcto sería 10. ... 30-27; 11.10-13, 20-15; 12.11x20, 24x15; 13.07-11, 22-19!; 14.13x31, 19x03; 15.11x20, 26-22; EMP.

11. 07-12 ...

Aplicando a sempre vistosa «Manobra de Timoneda», unha célebre combinación cuxo tema xa é coñecido dos lectores de «Tres e Dama».

11. ... 16x07; 12.14-19, 22x15; 13.11x20, 24x15; 14.04x20 ...

Barker intentou resistir, pero as brancas gañaron o final conseguindo así a súa única vitoria do match. [1-0]

Tras este xogo o americano vencía por 2-1, unha vantaxe que ampliou en xogos sucesivos e acabou impoñéndose por 5-1 con 23 empates. Como premio recibiu 200 £ e unha gran copa de prata.