sábado, 20 de marzo de 2010

Un final de Adelino Ribeiro

XOGAN NEGRAS E EMPATAN

A esta situación chegouse nun enfrontamento amigable entre Adelino Ribeiro e Ramiro Moutinho celebrado en Porto (Portugal) no ano 1947. O xogo completo foi publicado na sección de damas do "Xornal de Xadrez" (Número 6 - ano 1947) que orientaba o Capitán Evaristo Borges, e posteriormente, no tratado da Enciclopedia Damista.

Ribeiro coñecido entre os afeccionados como o "Campión do Norte" era un grandísimo teórico, practicamente imbatible en partida libre, e destacaba especialmente pola súa enorme habilidade nos finais. O seu rival, varias veces campión de Aveiro, foi un dos principais precursores da saga de excelentes damistas que saíron de Sao Joao da Madeira.

Na posición do diagrama na que correpondía realizar ás negras a súa xogada trixésimo segunda, seguiron con 32. ... , 16-30; e despois de 33.28-32 comprenderon que pouco había que facer e abandonaron. Nada digno de destaque, mais recuando so un chisco, si que poderiamos atopar a sorpresa e percatarnos que o xogo de damas é moito máis dificil do que algúns pensan. Ribeiro acababa de sacrificar un peón en "20" para desviar a dama rival e quitarlle así o control do río, porén o mestre portuense non se guiou pola máxima de Tinsley da "vixilancia extrema" e deixouse levar pola intuición xogando a irreflexiva 32.24-28, tal como se reflicte no diagrama. Evidentemente non viu a brillante idea coa que o seu rival podía ter conseguido o empate, pois nese caso tería xogado 32. 31-28 que si lle valería para conseguir a vitoria.

Polo que eu coñezo, penso que ninguén antes se decatou deste detalle. É por este motivo que amosamos este final hoxe aquí, póren con todo non expoñeremos a solución ata a vindeira semana. Namentres, será tarefa do lector o descubrir a graciosa manobra que lle permitiría a Moutinho salvar o xogo.

Ningún comentario: