sábado, 20 de febreiro de 2010

A "barca" de Kaplan

Vladimir Kaplan naceu na Unión Soviética no ano 1925 e emigrou aos Estados Unidos en 1977 para vivir na cidade de Nova York. Gañou nas tres ocasións en que participou no Campionato Nacional da Asociación Americana de "Pool Checkers", unha modalidade na que as damas se desprazan con movementos longos como no noso xogo, pero na que os peóns poden comer para atrás. Escribiu varios libros e artigos de prensa polos que alcanzou gran popularidade. Morreu no ano 2000 e con el desapareceu unha das figuras senlleiras deste xogo. Como mostra do seu xenio, incluímos na edición desta semana un espléndido final da súa autoría.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Por facer máis didáctica a exposición imos lembrar primeiro a "treta" 29 do "Libro del Juego de las Damas vulgarmente nombrado el marro" do antigo tratadista Pedro Ruíz Montero, tamén coñecido como o "Andaluz". Trátase da súa famosa "barca", manobra de obrigado coñecemento para todo damista que se teña prezo.

Ben sabido é que tres damas contra unha que domina a gran diagonal non gañan, mais aquí o peón constitúe un claro estorbo que vai axudar ao bando rival a construír a "barca" que lle permita facerse co control do "río" e do xogo.

Pedro Ruíz Montero (1591)

XOGAN AS NEGRAS

As negras teñen que desfacerse do peón ou sacalo do río para optar ao empate, pero as brancas cunha dama en 16 e outra na paralela 8/29 están perfectamente colocadas para impedir tal propósito. Se o peón avanza, a dama negra cae despois de 15-19.

1. ... 01-10;

Para gañar nesta favorable posición hai que obrigar á dama negra a ir a 28 para atacala desde 24 e cando retroceda poder atrapala co sacrificio da dama de 16 en 23.

2.18-27! ...

Consecuente co plan. A manobra só debe facerse cando a dama negra estea flutuante, porque se agora as negras moven o peón, xógase 3.27-23, 28x12; 4.16x17, [G.B.]
Por suposto, se a dama negra estivese en 5, seguiría 3.27-09, seguido da entrega 4.15-19, [G.B.]

2. ... 10-01; 3.16-23, 01x28; 4.15-24, e o obxectivo está conseguido.

Se a dama se retira, como xa explicamos, segue 5.27-23 e 6.24x31, [G.B.] Igualmente se 4. ... 28-31; 5.27-09, 32-28; 6.24-20, 28-23; 7.20x27, [G.B.]

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Unha vez postos en antecedentes, velaquí temos o extraordinario final de Vladimir Kaplan que, nun só traballo, consegue reunir todos os temas fundamentais relacionados coa "barca", desde os dos clásicos españois Montero (1591) e Mirón (1635) ata os relativamente máis modernos como son os do seu compatriota Sagrin (1892).

Vladimir Kaplan

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

1.18-07!! , 32-28;

O peón sae antes de que as brancas ocupen a diagonal 16/30, pois nese caso gañan co método de Montero. Velaí vai como é que fracasarían esas movidas de dama:

  • 1. ... 10-28; 2.09-31 (acelera o proceso, pero 2.08-16 tamén gaña pola posición de Montero) 2. ... 28-10; (Se 2. ... 28-23; 3.31-28, 23-16; 4.07-03 e 15-12 G.B.) 3.15-19, 10x23; 4.07-16, [G.B.]

  • 1. ... 10-23; 2.07-16, 23-01; 3.09-18, (perda de tempo para provocar o cambio de canto da dama negra) 01-05; 4.18-27, [G.B.] "barca" de Montero.

  • 1. ... 10-01; 2.07-16, [G.B.] Outra vez coa "barca" do tratadista andaluz.

2.09-22!! ...

A chave. Agora as negras dispoñen das seguintes opcións:

  • 2. ... 28-24; 3.07-16, 10-01; (con idea de sacrificar o peón, xa que non vale a defensa coa manobra de "luneta" colocando a dama entre dúas pezas adversarias, a modo da cortante ferramenta circular que usaban os curtidores, pois despois do 3. ... 10-19; 4.22-19 e 5.16-12 as negras perden a prezada peza) 4. 16-20 ... ("batería" ideada por Antonio Mirón del Castillo nunha posición similar para obrigar á dama inimiga a xogar de canto a canto) 4. ... 01-32; 5.22-18, 32-01; 6.18-25 ... (perda de tempo necesaria) 6. ... 01-32; 7.25-04, 32-01; 8.04-08 ... (no momento xusto) 8. ... 01-32; e agora o gancho 9.20-23, [G.B.]

  • 2. ... 28-23; 3.07-03, 10-05; (Se 3. ... 10-01; 4.22-19!, 23-14; 5.03-10, 14x05, 15-02; G.B. Manobra do ruso Sagrin que remata coa prisión de Timoneda. Tampouco valía 3. ... 10-19; por 4.03-12 e 5.12-08 G.B.) 4.15-02, 05-01; (4. ... 05-09; 5.22-15, 09-31; 6.02-09, 31-28; 7.15-24, 28-31; 8.03-10 G.B. Tamén perdía 4. ... 05-14; con 5.22-19 G.B.) 5.22-19, 23x14; 6.02-05, 01x10; 7.03x13 e 8.13-03 [G.B.] Outra manobra de Sagrin.
  • 2. ... 10-05 (ou 01); 3.15-19!, 05x23; 4.07-16 [G.B.]
  • 2. ... 10-19; 3.07-12 ou 15-08 [G.B.] 2. ... 10-23; 4.07-16, 23-30; 5.22-19, [G.B.] a "barca" controla o río.

1 comentario:

Сергій Казнадей dixo...

Not Kaplan. It's A. Moiceiev 1974 y. http://table-games.ru/books/item/f00/s00/z0000018/st005.shtml N 14.