sábado, 13 de novembro de 2010

O coñecemento é poder

Por moito talento que se teña, nunca se pode chegar a ser un bo xogador sen dedicarlle horas ao estudo. Todas as fases do xogo son realmente importantes e a todas hai que prestarlle a súa debida atención. Hoxe imos tratar de "golpes" e para iso escollemos dous xogos que rematan con cadanseu.
Un golpe é unha manobra enxeñosa e inesperada que permite alcanzar de xeito forzado un decisivo beneficio. Sempre aparecen tras unha mala xogada do rival que, comunmente á primeira vista, non semella como tal.
A temática dos golpes que imos presentar está estreitamente relacionada coa proposta que faciamos na anterior entrada dedicada ao gran campión Marion Tinsley. Despois do seu estudo, seguro que o lector vai comprender o porqué da elucidativa frase: "O coñecemento é poder" tantas veces repetida por este lendario xogador e, tamén, o motivo polo que foron estes os exemplos escollidos.

GOLPE Nº 1

Rafael Húngaro vs. Víctor Cantalapiedra
Torrevieja (Alacante), 1993
1.10-14, 22-18;

Apertura «Diagonal Vertente», a máis xogada despois de 1. ... 23-19 que daría lugar á «Partida do Río».

2.05-10 ...

Despois de efectuar a mellor saída posible, as brancas continúan acertadamente mobilizando as súas pezas cara ao centro. 2.12-15 coa mesma idea tamén é saudable.

2. ... 23-20;

En lugar de loitar de forma directa, a idea das negras é permitir ao rival ocupar as casiñas do medio do taboleiro para cercalo con movementos laterais que dificulten a posterior mobilidade desas pezas brancas.

3.01-05 ...

Continuando co tradicional desenvolvemento dos peóns da gran diagonal, unha das recomendacións estratéxicas máis acertadas. Ao igual que na anterior, esta xogada adóitase alternar con 12-15 polo que moitas veces só supón unha simple transposición.

Tanto 3.02-05 formando a «Partida Alma», como 3.10-13 que constitúe a «Partida Escocesa», tamén son fortes continuacións.

3. ... 20-16;

As negras seguen co seu plan intentando reducir espazo no flanco para obrigar ás brancas a ocupar o centro. Igualmente deste xeito tamén se impide que as brancas entren na «Partida Clásica», ben coñecida dos lectores deste Blog por térmola estudado en anteriores posts.

4.12-15, 27-22; 5.14-19, 21-17;

Novamente unha xogada lateral para evitar que as brancas gañen espazo realizando permutas. Así despois de 6.10-14 as negras poden tapar con 25-21 evitando o cambio liberador.

6.11-14 ...

Unha típica fuga coa que as brancas rexeitan entrar na coñecidísima «Partida Española» que se formaría despois de 6.10-14, 25-21; 7.05-10, e na que agora as negras teñen como mellor 7. ... 30-27; chegándose así á famosa «encrucillada». A verdadeira fortaleza da formación negra foi descuberta por Juan García Canalejas cando demostrou no seu tratado (1650) que a idea orixinal desta partida, que consistía en crear o espazo liberador no flanco esquerdo con 8.07-12, 16x07; 9.03x12, 27-23; 10.12-16, fracasaba debido ao que para moitos constitúe o máis célebre golpe da historia damista: 10. ... 23-20; 11.16x23, 17-13; 12.10x17, 24-20; 13.15x24, 22x15; 14.11x20, 28x03 G.N.

6. ... 18x11; 7.07x14, 25-21;

Tamén se podía optar por 7. … 22-18; 8.14x21, 25x18; 9.03-07, 31-27; 10.10-14, 18x11; 11.07x14, 28-23; 12.19x28, 32x23; 13.15-19, 23-20; 14.05-10 con igualdade. Agora sería un erro o intento de promoción con 14.19-23, pois seguiría 16-12! (remate similar ao da «Manobra de Timoneda») 15.08x15, 20x11; 16.06x15, 27x11 e as negras gañan.

A continuación escollida por Cantalapiedra resulta sumamente interesante, sobre todo pola trampa que prepara.

8.09-13 ...
XOGAN NEGRAS E GAÑAN

As brancas, conducidas por un dos mellores xogadores levantinos, non prestan a debida atención, e pican na trampa.

Unha continuación adecuada podería ser 8.14-18, 21x14; 9.08-12, 16x07; 10.04x27, 30x14; 11.10x19, 28-23; 12.19x28, 32x23; con posición equilibrada, como nun enfrontamento Marion Tinsley vs. Leo Levitt do Torneo Nacional dos Estados Unidos do 1950.

8. … 22-18!;

Víctor Cantalapiedra tiña por costume o pasar as súas vacacións estivais en Torrevieja. Así que os mellores damistas daquela zona non desaproveitaban a ocasión de achegarse a esa cidade para enfrontarse co famoso mestre valisoletano. Para deleite de todos, nesta ocasión o máis emblemático xogador español dos últimos tempos tivo a oportunidade de aplicar este simpático golpe.

Mais é xusto recoñecer que a súa autoría pertence ao inglés William Hay que o publicou na revista "The Draughts Player" no 1862 e que Cantalapiedra debía coñecer porque tamén foi incluído na Enciclopedia Damista no tomo de "Golpes, Armadilhas e Manobras".

9.13x22, 17-13; 10.10x17, 28-23; 11.19x28, 26x01; 12.17x26, 29x22; 13.06-10, 01x12; 14.08x15, 32x23; [0-1]

[Este e outros xogos de Víctor Cantalapiedra foron publicados pola Revista Internacional de Damas, Nº4 do ano 1993. Os comentarios que aquí incluímos son exclusivos de "Tres e Dama"].

***

GOLPE Nº 2

Joseph C. Brown vs. R. Holmes
7º Torneo Nacional Escocés, 1899

XOGAN NEGRAS E GAÑAN


1.10-14, 24-20 [A]; 2.12-16 [B], 28-24; 3.05-10 [C], 20-15; 4.11x20, 24x15; 5.07-11, 23-20; 6.16x23, 27x20; 7.14-19, 21-17; 8.11-14 [D], 25-21; 9.03-07, 32-28; 10.09-13 [E], 22-18; 11.13x22, 17-13; 12.10x17, 28-23; 13.19x28, 26x03; [0-1]

A]
«Apertura Diagonal Límite» de prognóstico favorable ás brancas.

B] A mellor continuación formando a «Partida Heroica».

C] Unha liña que xa temos analizado moi polo miúdo neste Blog.

D] Aquí varia da continuación 8.03-07, que foi a escollida no noso estudo.

E] O erro que permite o golpe. Con 10.01-05 ou 10.19-23 as brancas están ben.


*********************************************************

SOLUCIÓN DA PROPOSTA

«COMBINE COMO TINSLEY»

O pasado martes deixamos no aire un pequeno reto para que os lectores resolvesen. Tratábase de encontrar como o gran Tinsley rematou un dos xogos do Mundial de 1978 contra o seu rival e amigo Elbert Lowder.

Despois das pistas que hoxe temos ofrecido, case sobraba o amosar a solución. Porén para o caso tamén está ben o sabermos en que punto as negras depuxeron as armas.

11. ... 22-18; 12.13x22, 17-13; 13.10x17, 28-23; 14.19x28, 26x03; [0-1] Aquí Lowder aceptou a evidencia e detivo o reloxo en sinal de rendición.

Ningún comentario: