martes, 9 de novembro de 2010

O mítico campión Marion Tinsley

Marion F. Tinsley naceu en Irontown (Ohaio, EEUU) no ano 1927 e aprendeu a xogar ás damas (modalidade anglo-americana) estudando en dous libros que atopou na biblioteca pública cando contaba con catorce anos. Foi profesor universitario de matemáticas, a profesión que lle serviu para gañar a vida. Os beneficios que lle proporcionaron as damas foron máis ben espirituais. Únicamente cando aínda era un estudante, as exhibicións de partidas simultáneas á cega lle valeron para poder dispor dalgúns cartos de peto.
Preparouse minuciosamente lendo e analizando todo canto se publicaba. Segundo contou unha vez, dedicándolle oito horas diarias durante cinco días á semana conseguiu gravar a fogo o taboleiro na súa mente.


M. Tinsley no ano 1994
[foto da web de Chinook]
Apoiado pola súa memoria prodixiosa que lle permitía recordar infinidade de xogos teóricos e grazas a súa portentosa profundidade de cálculo e a súa creatividade conseguiu demostrar un absoluto dominio sobre os seus adversarios. Por este motivo está considerado como o mellor xogador da historia. Obstenta un palmarés inimitable: disputou 1576 xogos de competición, gañando 449 e perdendo unicamente 22. É máis, no período que seguiu a súa accidental eliminación no Torneo Nacional de Paxton (1950), gañou todos os matches e torneos nos que participou, con excepción do seu derradeiro Nacional (1994) no que quedou terceiro, pero imbatido e empatado a puntos cos dous primeiros clasificados. A partir daquel fatídico torneo, só caeu en 9 xogos (dous deles contra o programa informático Chinook). Adxudicouse 6 Torneos Nacionais e 8 matches polo Campionato do Mundo, derrotando entre outros ao formidable Walter Helman e ao extraordinario Asa Long. Precisamente este último foi o seu mentor nos anos corenta. Nese tempo Long e Tinsley chegaron a disputar uns 200 xogos de adestramento e o noso biografiado remarcou que estaba «camiñando polo aire» cando alcanzou a súa primeira vitoria.
Despois de derrotar ao inglés Derek Oldbury en 1958, retirouse das competicións. Regresou doce anos máis tarde debido á insistencia do seu amigo Don Lafferty –grandísimo xogador e bebedor empedernido- que tivo que prometerlle que ía deixar a bebida.

En 1992, xa retirado do ensino e dedicado como ministro da Igrexa Evanxélica a explicar a Biblia, bateu ao potentísimo ordenador Chinook nun encontro disputado en Londres no que tivo que soportar graves problemas de insomnio durante a primeira semana. Nunha entrevista posterior a súa extraordinarla vitoria declarou con profundo fervor «os humanos programaron o ordenador pero Deus programoume a min».

Posteriormente, no 1994 disputou outro match contra unha nova versión do mesmo programa (5 veces máis forte). Cando ían disputados 6 xogos todos rematados en empate, tivo que abandonar o reto por problemas de saúde. Pouco despois foi diagnosticado de cancro e sete meses máis tarde, en abril do ano 1995, deixounos para sempre.

Deseguido unha mostra do seu estilo:

V. Vigman vs. Marion Tinsley
37º Torneo Nacional dos Estados Unidos.
Tupelo (Massachusetts), 1990
1.11-15 ...

Desprazando unha peza do flanco máis débil cara ao costado. Desde logo non é a mellor forma de empezar o xogo. De todas as posibles saídas só son máis frouxas as que moven peóns laterais 1.09-13 ou 1.12-16.

1. ... 23-19; 

Constituíndo a apertura «Oblicua Ortodoxa» que dá xogo máis ou menos equilibrado. A teoría considera mellor 1. ... 21-18; xa que se as brancas agora seguen con 2.10-14 deixan moi debilitado o seu franco esquerdo. Con todo, quizás sexa un pouco máis forte  1. ... 23-20, que practicamente obriga a tapar coa «peza punta» e desfacer así o pequeno triangulo defensivo formado polos peóns «27», «30» e «31», pois calquera das trocas favorece aínda máis o xogo das negras.

2.07-11 …
 
De tratarse dun evento con apertura libre ou coa restrición dos dous primeiros lances, agora a mellor réplica sería 2.10-14 eliminando o peón centralizado. Pero este Torneo xogábase con apertura sorteada a tres lances, unha norma que nos Estados Unidos empregouse por primeira vez no ano 1934 con motivo do 8º Campionato Nacional.

Nótese que a esta mesma posición tamén se chega nunha liña irregular da Partida Paralela con: 1.12-15, 23-19; 2.07-12.

2. ... 28-23;

A mellor xogada apresurándose a consolidar o centro.

3.10-14 ...

O seguimento máis habitual pero non tan bo como se fose feito unha xogada antes.

A continuación 3.09-13 é ben contestada coa famosa 3. ... 21-17, entrando nunha controvertida partida coñecida no xogo anglo-americano como a «White Doctor» (“white” significa “branco” e cómpre lembrar que nesa modalidade comezan movendo as negras, levando o segundo xogador as pezas brancas).

3. ... 19x10; 4.05x14, 32-28;

Interesante lance de espera. Digna de destaque tamén é a continuación con 4. ... 23-20; iniciando o ataque polo debilitado flanco do rival, tal como fixo no 1º Campionato oficioso de Portugal (1957) Adelino Ribeiro (campión de Porto) contra o Dr. OAL (Orlando Augusto Lopes o campión de Lisboa e gañador do torneo) que conducía as fichas brancas.

Por suposto, se o desexan as negras poden entrar na tablífera «Partida Anderson» (coas cores revertidas) xogando 4. ... 21-18; 5.14x21, 25x18.

5.12-16 ...

Impide o ataque no flanco. Porén as negras tamén dispoñen doutros plans:

a) 5.04-07 (para consolidar un pouco a ala esquerda) 21-17; 6.06-10, 23-20; 7.02-06, 25-21; 8.15-19, 22x15; 9.12x19, 20-15; 1011x20, 24x15; con xogo igualado como no 6º xogo do match polo Campionato Mundial de 2005 entre Ron King e Alex Moiseyev.

b) 5.06-10 (impedindo a dobre troca tras 22-19) 23-20; 6.12-16, ... (mellor que 6.01-05, 28-23!; 7.03-06, 20-16 xogado en José Luis Guerra vs. Veríssimo Dias; 11º Cto. Portugal en Almada, 1991) 28-23; 7.04-07, 21-18; 8.14x21, 26x17; tamén con equilibrio.

5. ... 22-19;

Provocando unha chea de fendas na estrutura branca e abrindo paso para a mobilización das fichas do «río».

6.15x22, 26x10; 7. 06x13, 23-19;

Co camiño aberto segue a lóxica centralización.

8.08-12 ...

Compromete o xogo. Aínda que as brancas non están nunha posición moi saudable, era preferible a eliminación da ficha central negra con 8.11-15, 19x12; 9.08x15, 28-23; 10.01-05, 23-20; 11.16x23, 27x11; 12.05-10, 24-20; 13.03-07, 21-17; 14.07x14, 20-15; 15.14-19, e agora a «Enciclopedia Damista» do portugués Sena Carneiro dá estas dúas opcións:

a) 15. ... 15-11; 16.13-18, 25-21; 17. 18x25, 31-27; 18.10-14, 27-22; 19.19x26, 30x21; 20.14-19, 11-07; 21.04x11, 17-13; EMP.

b) 15. ... 29-26; 16.04-07, 31-27; 17.07-11,15x06; 18.02x11, 26-22; 19.19x26, 30x21; 20.11-15, 27-23; 21.10-14, 17x10; 22.15-19, 23-20; 23.19-23, 20-25; 24.23-28, 10-05; 25.28-32, 21-17; 26.14-18, 05-01; 27.18-22, 15-11; 28.22-26, 11-06; 29.26-30, 06-03 EMP.

8. ... 28-23; 9.11-15 ...


POSICIÓN DESPOIS DE 9. 11-15
 
9. ... 27-22!

Igual que nas clásicas obras da modalidade anglo-americana, a enciclopedia portuguesa só indica: 9. ... 30-26; que tras 10.15x22, 26x19; 11.03-06, 27-22; 12.13-17, 21-18; permite manter a vantaxe. Pero Tinsley, cunha memoria e creatividade portentosas, tiña perfectamente estudadas todas as liñas publicadas e aquí aplica unha importante mellora.

10.04-08 ...

Perde, aínda que pode que as negras xa non teñan solución. Tras 10.13-17 ou 10.01-05 é moi forte 21-18.

10. ... 21-18; 11.02-06 ...

Se 11.01-05 ou 11.13-17, segue 18-14 e G.N.
Se 11.02-05, 31-27 G.N.
Se 11.03-07, 25-21; 12.02-05 (12.13-17, 23-20) 31-17; G.N.
Ou se 11.03-06, 23-20; 12.16x23, 31-28; 13.23x32, 29-26; 14.32x21, 26x03 G.N.

11. ... 25-21; 12.13-17 ...

Había que impedir 21-17, pero ...


XOGAN AS NEGRAS E GAÑAN
 

12. ... 23-20; [0-1]

Marion saca da manga un bonito lance que lle permite gañar un tempo e a Vigman non lle quedou máis remedio que abandonar.

Efectivamente as negras están perdidas en ambas as dúas modalidades. No noso xogo podería seguir: 13.17x26 ... (moito peor é 13.16x23, por 31-27 seguido de 27x02 gañando fácil) 20x02; 14.12-15, 19x12; 15.08x15, 30x21; 16.03-07, 02x20; 17.16x23, 22-19; 18.23-18, 21-17; 19.07-12, 24-20; 20.12-16, 31x24; 21.16x23, 19-14; 22.23-28, 14-11; 23.28-32, 11-06; 24.01-05, 06-03 G.N.

*********************************************************************************

COMBINE COMO TINSLEY

XOGAN AS NEGRAS E GAÑAN

A posición que se amosa no diagrama de arriba corresponde ao xogo Nº17 do Match polo Campionato do Mundo (1979) entre Elbert Lowder e Marion Tinsley celebrado en Petal (Misisipí). Correspondíalle ás negras realizar a súa undécima xogada e non desaproveitaron a ocasión para sorprender cun bonito golpe. Pode o amigo lector descubrir a secuencia de xogadas coas que rematou Tinsley este xogo?

Ningún comentario: