Na terminoloxía damista denomínase «saque de peón» a todo
aquel final no que dúas damas ─con dominio do río─ máis un peón situado no
cadro base contiguo ao desta gran diagonal, deben enfrontarse contra unha dama
acompañada por outro peón que ─desde a banda da súa sexta fila─ dificulta a
saída do seu homónimo.
No diagrama de arriba pódese ver o exemplo máis antigo
que se coñece deste final. A posición encóntrase no «Libro del Juego de las
Damas, vulgarmente nombrado el Marro», un pequeno tratado publicado en
Valencia no ano 1591 composto polo cordobés Pedro Ruíz Montero. A
vantaxe material do bando forte semella evidente, pero para poder impoñela
necesita primeiro «sacar» o peón e levalo a dama. A tarefa depende moito dos
casos, aínda que habitualmente resulta bastante dificultosa. Curiosamente, o
«Andaluz» ─pseudónimo polo que era coñecido o autor do noso exemplo─
consideraba erroneamente este final como «táboas» e explicaba que aínda que era
regularmente gañado polos grandes xogadores da época, cunha nova defensa que ía
presentar nese libro poderíase empatar.
Posteriormente Juan García Canalejas no ano
1650, aproveitando en parte unha rectificación coa que Lorenzo Valls
corrixe a Montero, idea un procedemento co que se pensaba que a
resolución do final quedaba perfectamente resolta. A fórmula foi comunmente
aceptada por todos os autores clásicos que o seguiron [José Carlos
Garcez, Pablo Cecina Rica, José Padrino, Luís
Soler y Rovira, Enrique Moya e o Dr. Manuel Cárceles Sabater].
Pero en 1942, no libro cubano «Ciencia del Juego de Damas» de Roberto
Gómez, alértase de que a análise dos clásicos estaba furada, aínda que
non indica como. Foi en 1993, cando comecei a estudar o «saque», que descubrín
onde estaba o erro e anos despois amoseino ao Dr. Sena Carneiro, que o
publicou na «Enciclopédia Damista» Nº 455 de agosto do ano 2002.
Chegados a este
punto debemos clarexar que os autores clásicos non contemplaban a «lei da
calidade» vixente en Portugal e actualmente tamén internacionalmente aceptada
pola gran maioría de xogadores. Por iso, dentro da dificultade que entraña o
final, esta norma facilita a resolución do «saque» pois evita algunhas defensas
nas que o bando débil podería empatar ameazando desde a casa «13» o peón xa
avanzado na «6». Amparados nesta norma é que xorden os primeiros estudos dos
damistas portugueses. O eminente, Cap. Evaristo António Borges, nun artigo publicado pola
revista portuguesa «Enciclopédia Damista» conta que nos anos 20 do
pasado século, unicamente o campión do Porto ─João Lancastre e Menezes─ era
quen de facer o «saque», aínda que no proceso realizaba infinidade de lances
inconsecuentes e só así conseguía levar a «pedra» a dama. Así as cousas,
despois dunha reunión que sostivo co mestre Henrique da Cunha na
sede da Academia Portuense de Damas, sita no 1º andar do desaparecido Café
Moreira, decidiron estudar individualmente o «saque». Tras varios anos de
probas e ensaios sen chegar a unha conclusión convincente, por fin, Henrique
da Cunha en xuño do ano 1939 presenta na «Revista Portuguesa de Damas»
10 hipóteses, que aínda que non resolven todos os posíbeis casos, poden
considerarse como os alicerces de futuras achegas. Pola
súa parte, o Cap. Evaristo António Borges, realiza un estudo máis
completo que publica con adecuadas explicacións no ano 1943 na revista «Para
Todos», converténdose así no primeiro autor que acuña un método didáctico
con fundamento técnico. Algún tempo despois, no ano 1957, esta vez no Folleto «Passatempo
Cruzadista», dá a coñecer un segundo método que chegou alcanzar enorme
popularidade ao ser difundido polo Dr. Sena Carneiro na revista «Enciclopédia
Damista» e posteriormente no seu libro de «Iniciação ao Jogo das Damas».
Moi relevante na teoría do
«saque» resulta igualmente o papel desenvolvido por outro monstro das damas, David
Fernando Martins, que baixo o pseudónimo de ─«Fermar»─, publica
no ano 1946 na revista «Estratégia Damista» dous métodos completos, dos
cales, o coñecido como «Método Resumido» tamén adquire gran celebridade
despois de que no ano 1959 o propio autor, realizando unha lixeira modificación
para abreviar lances, o volvese publicar con todo tipo de detalles na «Gazeta
do Sul» e, posteriormente, o Dr. Sena Carneiro no 1986 o escollese como
mellor sistema técnico no excepcional tratado dos «Finais Práticos Básicos».
Neste blog xa presentamos un
método propio perfectamente válido tanto «con», como «sen» lei da calidade,
para gañar o «saque de peón» de modo rigoroso. En próximas entregas seguiremos
falando de autores e sistemas, e trataremos tamén outros interesantes temas,
todos relacionados con este fantástico final.
Agora, conforme indicamos no
título, imos presentar unhas importantes innovacións que dan un inesperado
envorco á teoría dos dous máis famosos métodos que, como xa apuntamos na
introdución, pertencen a David Fernando Martins [Posición inicial
con damas nas casas «10» e «17»] e ao Cap. Evaristo António Borges
[Posición inicial con damas en «17» e «21»].
Tal como se pode deducir da
denominación «Saque de Peón» é comunmente aceptado que o máis difícil deste
final resulta «sacar» o peón en condicións de ser levado a dama. A idea
fundamental dos dous sistemas mencionados pasa por alcanzar a posición que se
pode ver no diagrama de abaixo, coñecida como «Posición de Arranque» [Ou
«Posición Fundamental» como foi orixinalmente denominada por «Fermar» no
seu artigo do ano 1946], na que ao seguinte lance o peón xa poderá ser
avanzado.
Posteriormente descubriu que colocando a dama branca na
casa «1», en vez de na «32», tamén se podía realizar o arranque gastando o
mesmo número de lances pero facilitando o desenvolvemento posterior de
promocionar o peón.
Así cando, abreviando o número de
lances, pública de novo o método na «Gazeta do Sul» en 1959 xa chega a
esta nova «Posición de Arranque».
Agora imos ver a esquematización do método do Cap.
Evaristo Borges.
No seguinte diagrama podemos ver esquematizado como se alcanza a «Posición de Arranque». No proceso de Borges con anotación de cor azul e o noso con anotación de cor verde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario